Noticias
© CDR O Viso | 13/07/2023 | Arando
O coidado da casa común
A necesaria implicación de todas e todos
13/07/2023 | Lodoselo
Lémbranos o amigo Blas González, como excelente fotógrafo, que a paisaxe é unha construción da mirada, de cada mirada... E unha vez máis vennos á memoria aquela historia da nena que na súa primeira visita coa escola a ver o mar lle pedía á mestra: “axúdame a mirar” .
Tamén “O coidado da casa común”, esa preciosa carta do Papa de Roma, de tanta actualidade, aínda que xa se publicase no 2015.
Agora fálase da custodia do territorio, das estratexias e ferramentas que pretenden implicar á sociedade civil na conservación da natureza e a paisaxe. Desde hai xa décadas a Administración é a responsábel da conservación dos valores naturais e paisaxísticos, principalmente mediante a declaración de espazos naturais protexidos. Pero somos conscientes de que esta tarefa non debe estar limitada ós recursos públicos nin ós parques naturais ou reservas. É necesaria a implicación de todas e todos. Os propietarios/as dos terreos e as entidades de custodia.
Nestas datas andamos coa herba; segando o que as ovellas non deron pacido. E, como as abellas e as formigas, gardando reservas para o inverno. En espazos case sempre pequenos que a maquinaria non se pode empregar. E toca segar co maquinillo, esparexer, revolver, xuntar e apañar co carro e a Terra (burra).
Contentos de que haxa quen segue o campo da Lama e aproveite a herba que nos últimos anos se moeu e quedou no campo. Graciñas!
Tamén darlle a “arada da seitura” á verza e á remolacha que puxemos no cedo así como transplantar outra pouca verza do tarde que é a que máis queren as cociñeiras. Coa sorte de termos con nós “sabia nova” que queren ir botando un rego, coa man na rabela do arado. E nós felices de “coidar a canteira”.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias