Accesibilidad

Noticias 

© Serafín Pazos | 05/06/2023 | Conferencia Sherpa 1

O futuro pasa por revitalizar as áreas rurais

Conferencia Final de #SHERPA

05/06/2023 | Bruxelas

Esta pasada semana, os días 1 e 2 de xuño, participamos en Bruxelas (Bélxica) na Conferencia Final de #SHERPA, formando parte da representación da MAP galega.
A MAP (Plataforma multiactores), neste proxecto de asistencia técnica á Comisión Europea, está pilotada pola USC (ECOAGRASOC) e conta coa presenza de representantes da comunidade científica, administración pública e a sociedade; o enfoque é incorporar na definición das políticas a visión dos actores relacionados co medio rural.
ECOAGRASOC  é un Grupo de investigación de Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social da @UniversidadeUSC que durante 4 anos, recolleron recomendacións e formularon ideas dirixidas a deseñar políticas europeas de desenvolvemento rural.  Aplicando unha metodoloxía de plataformas multi actor (MAP) e compartindo coñecemento entre axentes científicos, sociais e políticos unha persoa do CDR O Viso participou desta experiencia.
Agora 5 persoas do grupo investigador e dous axentes sociais foron a representación galega en Bruxelas.
Alí desde o discurso inaugural lembrouse o obxectivo de Sherpa: aportar visión ó Comité das Rexións e á Comisión Europea. Manifestouse o convencemento de que o futuro pasa por revitalizar as áreas rurais. E mesmo salientouse o reto de non deixar atrás ós maiores no uso das tecnoloxías.
En toral 41 MAP + 1 a nivel europeo que se nutre das anteriores para aportar recomendacións e unha visión a longo prazo. Para o período 2027-32. Conectar a quen ten poder de decisión coa realidade rural. Un exercicio de escoita, de trasladar evidencias, de expresar perspectivas…
Conferencia Final na que participamos unhas 150 persoas e na que se quixo conmemorar a excelente cooperación: Máis de 100 documentos elaborados.
Sherpa é hoxe unha rede e un proceso máis que un proxecto. Por iso aínda que finaliza en setembro deste ano queremos que continúe.
A primeira sorpresa para min foi a de atopar alí a Serafín Pazos-Vidal (de Redondela).  Este responsable de Política Europea da Convención Escocesa de Autoridades Locais (COSLA) e investigador, que coñeceramos nunha xuntanza do Foro Económico de Galicia en Ribadavia, e que foi o responsable de guiar as sesións da #SHERPAconference do primeiro día.
A dinámica foi a de presentarnos parte dos Documentos de posición que se foron elaborando coas achegas das MAP e mediante a aplicación de Menti.com e códigos qr escollemos aquelas accións que para nós eran as máis importantes. Case sempre a petición era a de ordenalas de máis a menos importante. Despois comentabamos os resultados.
Nalgunha votación sorprendeunos a coincidencia e mesmo a uniformidade dalgúns resultados entre os tres bloques (Administración/políticos- Científicos- Sociedade). Noutras ocasións as diferenzas foron totais. Os comentarios sabendo de quen viñan (danes@s, frances@s, búlgar@s, lituan@s...) axudaban moito a entender posicións que a un lle parecían pouco comprensibles. Unha UE moi diversa e ó tempo uns desafíos moi similares (a revitalización das áreas rurais, a saúde dos solos e a alimentación, a transición enerxética e o cambio climático, a mobilidade, a conectividade, ...)
Volvemos facer fincapé na importancia da capacitación da cidadanía, nas acción lideradas polos cidadáns; do valor da colaboración, que é xa unha acción transformadora. A forza da comunidade, o apoderamento, as políticas proactivas e unha lexislación que teña en conta as problemáticas rurais e contemple inversións para afrontalas. Un medio rural más forte, próspero, conectado, resiliente. E que para sermos resilientes necesitamos que se nos escoite, que nos acheguen medios.
Noutras ocasións as achegas tiñan que ser feitas, acordadas en pequenos grupos de 3 ou 4 persoas. E aquí concordar non era tarefa fácil… polo que nos comentarios eran comúns as queixa polas baixa puntuacións dalgunhas ideas. Reflexionamos sobre unha ducia delas… de máis de 145 recomendacións feitas.
Volvemos contentos e agradecidos por termos participado. Agradecidos a todos os que conformamos a MAP galega e especialmente ás persoas deste grupo espectacular (Edelmiro, Mar, Ana, Mariam e Bea) que tan ben souberon guiar á nosa MAP e a Isolina de Piornedo (Ancares) coa que compartimos un estilo de vivenciarmos o rural convencidos do necesario traballo colectivo e da aprendizaxe continua para contribuír a construír un medio rural soñado, desexable.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias