Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 31/10/2026 | VII encontro Arredor do rural Ou 2026

Educar dende o rural, escoitar o territorio para construír comunidade

Construíndo unha educación máis vinculada á vida, ós coidados e á participación colectiva.

31/10/2026

O CDR O Viso participou no encontro Arredor do Rural, celebrado na Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, para reflexionar sobre as necesidades ecosociais do medio rural e os vínculos entre a educación e as comunidades.
O rural tamén educa. Faino a través dos seus saberes, dos coidados, da relación coa terra e das experiencias que pasan dunha xeración a outra. Pero, para que todo iso forme parte da educación, primeiro cómpre escoitar o territorio e recoñecer o valor do que acontece nel.
Con esta mirada participamos o 30 de outubro no encontro Arredor do Rural: Escoitando comunidades que se coidan, organizado no Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Na primeira parte da xornada compartimos unha mesa redonda sobre as necesidades ecosociais do medio rural coa Cooperativa Outonía, unha entidade que admiramos polo rigor técnico do seu traballo, polo amor co que o desenvolve e pola súa fonda implantación no territorio.
Dende a perspectiva da educación social, estes espazos permiten lembrar que educar non consiste unicamente en acompañar persoas ou responder a necesidades concretas. Tamén significa fortalecer vínculos, favorecer a participación e crear condicións para que as comunidades poidan recoñecer as súas capacidades e construír respostas colectivas.
Esta reflexión conecta directamente coa necesidade de avanzar cara a novos modelos de coidados e de participación comunitaria, que sitúen as persoas e as relacións no centro e que permitan afrontar colectivamente os retos do rural. Unha liña de traballo que tamén está presente no proxecto Tecendo Redes, Coidándo-NÓS, dende o que apostamos por fortalecer as redes comunitarias e promover formas de coidar máis participativas, próximas e vinculadas á realidade de cada territorio.
Na parte práctica do encontro, dedicada ás metodoloxías de colaboración entre o sistema educativo e as comunidades rurais, abordáronse retos que van dende a visión estereotipada do rural nos libros de texto e nos medios de comunicación ata a desvinculación da educación da súa contorna. Tamén se puxeron enriba da mesa a perda de saberes tradicionais e comunitarios, o descoñecemento dos problemas que afectan ao territorio e a falta de atención á mocidade rural.
Fronte a estas cuestións, propostas como a aprendizaxe-servizo, a incorporación dos coñecementos do campesiñado ou as redes de hortas escolares abren posibilidades para achegar a educación á vida cotiá e favorecer que as comunidades participen nos procesos educativos.
Dende o CDR O Viso sabemos que traballar no rural significa tamén coidar os vínculos entre as persoas, as xeracións e o territorio. Por iso valoramos estes espazos de encontro, que permiten compartir experiencias, revisar o que facemos e imaxinar novas respostas.
Educar no rural non debería consistir só en achegar recursos educativos ao territorio, senón tamén en permitir que o territorio entre na educación, coas súas voces, os seus saberes e as súas oportunidades. Escoitar as comunidades é un primeiro paso para construír unha educación máis vinculada á vida, aos coidados e á participación colectiva.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias