Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 10/04/2025 | Alumnado de Educación Social da USC en Lodoselo 1

Mocidade informada e formada: Mocidade crítica

Alumnado de Educación Social da USC en Lodoselo

10/04/2025

Podía ser un día calquera de primavera en Lodoselo. Pero non o foi.
E tampouco o foi para o alumnado de Educación Social da USC que nos visitou, este pasado martes 8 de abril, da man de Alexandre Sotelino e Igor Mella.
Foi unha desas xornadas que deixan pouso. Un intercambio de saberes no que aprendemos todos e todas: quen veu e quen acolleu.
A Limia, dende Lodoselo, serviu de aula viva para falar de ruralidade, de educación e de transformación social.
Nos anos 90 comezamos cos xogos de pistas entre pedras, cos tesouros escondidos en papeliños enrolados. Logo chegaron os códigos QR.
E agora? Agora chega a intelixencia artificial. Onte ChatGPT e DeepSeek responderon o que antes dicía a Maruja, o José, a Rosa ou a Josefa... A verdade é que as novas xeracións preguntan ás dúas fontes, e iso tamén é sabedoría.
Estamos nun momento vertixinoso. Por iso tamén convidamos ó Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo. Silvia —investigadora, amiga e aliada— falounos da importancia da biodiversidade do solo e da soberanía alimentaria como chave de futuro.
O rural ten moito que dicir e máis que ensinar. O rural, amigos e amigas, é presente e é porvir.
Grazas á USC, ó profesorado e a cada estudante que pasou por aquí. Grazas por mirar co corazón, por preguntar con curiosidade e por sumar a este camiño colectivo.
Esta acción forma parte do Programa O Noso Espazo, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF

Arquivada en: