Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 08/04/2025 | AIRA, educación infantil e familiar na Limia

O CDR actualiza a educación infantil e familiar na Limia

08/04/2025

O CDR O Viso redobra a súa aposta pola educación no rural así como  pola infancia e as familias, e  lanza unha revisión do seu proxecto de Educación Infantil Familiar  en dous grupos simultáneos. Un será en Lodoselo, o berce do CDR e o outro será en Vilar de Santos, dando cobertura así a moitas familias da comarca que residen en diferentes concellos pois está aberto a tódalas persoas limiás independentemente de onde vivan. A través desta iniciativa, ofrecerase ás nais e aos pais un espazo de aprendizaxe compartido onde poidan participar activamente no proceso educativo dos seus fillos e fillas. A idea central do proxecto é que as familias compartan actividades, xogos e momentos de lectura cos seus nenos e nenas, creando un ambiente de aprendizaxe máis próximo, afectivo e enriquecedor.
Esta proposta tamén persegue fomentar a creación dun espazo de apoio para as familias onde poidan atopar soporte tanto a nivel educativo como emocional. Sabemos que a crianza é un reto e que, ás veces, as familias precisan de orientación, apoio e un lugar no que compartir experiencias e preocupacións. Neste espazo, as nais e pais poderán falar abertamente sobre os temas que lles preocupan, intercambiar ideas e buscar solucións conxuntas ás dificultades que poidan xurdir no día a día da crianza e da educación dos seus fillos.
Mila Rodríguez, educadora do CDR, será a encargada de executar un proxecto que ilusiona ó equipo educativo da entidade: "Esta renovación significa estar ó día, significa falar dun rural moderno e prometedor". E  explica que esta edición servirá de posta a punto de cara ó inverno: "queremos iniciar xa para axustar todo o que faga falta antes de implementar as accións tamén noutros lugares da comarca proximamente"
As primeiras sesións deste proxecto terán lugar en Lodoselo e Vilar de Santos na presente semana  e existe a opción aínda de anotarse nalgún deles.
Esta acción forma parte do Programa Familia e Comunidade, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias