Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 02/04/2025 | S. Bieito da Uceira 1

Compartindo a vida en Sandías: San Bieito da Uceira

02/04/2025

Este pasado sábado, 29 de marzo, o CDR O Viso, en colaboración co Concello de Sandiás, tivo a oportunidade de organizar unha fermosa andaina para coñecer máis de preto a Ermita de San Bieito da Uceira.
Foi un día inesquecible no que tanto grandes como pequenos disfrutamos non só da beleza da natureza que nos acompañou en cada paso, senón tamén dos momentos de lecer e das risas compartidas ao longo do percorrido. A andaina permitiunos conectar coa paisaxe e coas xentes que, ao longo do tempo, tiveron unha relación tan especial con ese lugar.
Tivemos a sorte de contar cun guía excepcional, Pepe Gándara, concelleiro de Cultura e Patrimonio de Sandiás, quen nos contou, con pasmosa sabedoría, a historia que se agocha detrás deses fermosos paisaxes. As súas palabras achegáronnos ao valor histórico e cultural da Ermita e da súa contorna, facendo que cada paso na andaina tomara un sentido aínda máis profundo.
Tamén houbo tempo para repor forzas cun petisco que fixo as delicias de todos. E para facer a xornada aínda máis especial, tivemos a oportunidade de probar unha exquisita mel producida en Piñeira de Arcos, que non só nos gustou, senón que nos encantou, e que nos deixou con gañas de máis!
Sen lugar a dúbidas, foi un día de conexión coa natureza, co patrimonio e, sobre todo, coa nosa comunidade. Só nos queda dar as grazas a todas as persoas que participaron nesta actividade, e deixar claro que estamos desexando volver atoparnos na seguinte. A través destas actividades, seguimos compartindo a vida e coñecendo o noso entorno, un paso a un tempo.
Esta acción forma parte do Programa Familia e Comunidade, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias