Noticias
© CDR O Viso | 30/03/2025 | Para o 31 M 2025
As campás das igrexas soarán pola España baleirada
Esixindo atención e acción fronte ó drama do despoboamento
30/03/2025
Baixo o lema “Non queremos promesas, queremos feitos” a Revolta da España Baleirada está a celebrar estes días actos reivindicativos entre os que se atopan a recollida de firmas, concentracións, lectura de manifesto e toque de campás, para conmemorar o VI aniversario da manifestación que tivo lugar en Madrid o 31 de marzo de 2019.
Sexto aniversario do nacemento deste movemento cidadán que en 2019 reuniu a cen mil persoas pertencentes a preto de 120 agrupacións de distinta índole, pero cun obxectivo común, a loita contra o despoboamento.
Un dos actos que xa está a ter lugar é a recollida de firmas a través da plataforma Change.org, co fin de solicitar que o 31 de marzo sexa declarado “Día Europeo de Loita contra o despoboamento”. Ademais de por este medio, previuse tamén a recollida en formato papel para dar a oportunidade de participar ós diferentes perfís de poboación, especialmente ós menos dixitalizados.
Este domingo, día 30, están a celebrarse en moitos pobos e cidades concentracións nas prazas ou lugares máis emblemáticos, desde onde se le un manifesto o cal destaca, por unha banda, os aspectos máis importantes que definen a identidade dos territorios despoblados, e por outro, os graves problemas que os axexan.
E, por último, mañá luns, día 31 de marzo ás 13 horas, as campás das igrexas de moitas localidades da España baleirada soarán ó unísono lembrándonos, deste xeito, que o despoboamento continúa sendo unha realidade e que debemos seguir traballando co fin de reverter esta situación. Para a preparación deste acto contouse, ademais, coa colaboración da Conferencia Episcopal que transmitiu a solicitude feita pola organización ós diferentes bispados. Se te queres unir, organizado polo CDR, como cada ano, estaremos en Lodoselo, no Campiño (Albergue - Reitoral): A Limia é unha desas comarcas rurais que cada 31 de marzo berra contra as políticas que queren esmagar o modo de vida rural.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias