Accesibilidad

Noticias 

© USC | 27/03/2025 | Máster USC

Traxectoria e experiencia práctica desenvolvida polo CDR O Viso, con particular atención ós servizos e programas de atención ás persoas maiores

Colaboramos en modalidade de videoconferencia

27/03/2025

Agradecemos esta achega do profesor Kylyan M. Bisquert así coma o seu convite a participar. Moitísimas grazas. Coñecémolo grazas a Pablo Meira  e é Doutor pola USC coa tese A dimensión socioeducativa do movemento agroecolóxico en Galicia: a dieta e o sistema agroalimentario como eixos da sustentabilidade. (2021)
"Como me comprometín onte, fágoche chegar unha pequena reseña sobre a túa intervención de onte na materia de Xerontoloxía na que imparto docencia, por se che pode servir para a web:
O pasado martes 25 de marzo do 2025, no marco da programación da materia Intervención sociopedagóxica en xerontoloxía do Máster Universitario en Xerontoloxía (3ª edición) da Universidade de Santiago de Compostela, tivemos o privilexio de contar coa participación de Antonio Rodríguez Corbal, quen, en modalidade de videoconferencia, nos brindou a oportunidade de achegarnos á traxectoria e á experiencia práctica desenvolvida polo Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso, con particular atención aos servizos e programas de atención ás persoas maiores que esta entidade ofrece. Así mesmo, Antonio compartiu connosco a súa mirada persoal, así como o enfoque adoptado no propio CDR, sobre como abordar o traballo con persoas maiores e con moitos outros colectivos dun xeito integral, baseado na dignidade, na autonomía, os coidados, a ligazón e o sentido de pertenza ao territorio e á comunidade, a transversalidade e a perspectiva interxeracional, entre outras consideracións, malia as limitacións internas e externas que este propio ámbito de intervención sociopedagóxica pode presentar.
Esta intervención tivo lugar dentro dun conxunto de experiencias prácticas que están a ser achegadas ao estudantado da materia co fin de ofrecerlles a oportunidade de coñecer de primeira man exemplos de boas prácticas de referencia que se están a desenvolver en Galicia dende a perspectiva da intervención sociopedagóxica con persoas maiores, complementando así a formación teórica que están a recibir en Pedagoxía Xerontolóxica no transcurso desta materia.
Como non podía ser doutra maneira, a experiencia do CDR O Viso espertou un grande interese, que agardamos que se poida acrecentar con eventuais visitas autónomas nun futuro próximo por parte do estudantado da materia, como lles ofreceu a posibilidade Antonio, para que poidan así coñecer mellor o traballo que dende esta entidade se está a desempeñar.
Agradecemos encarecidamente tanto ao CDR O Viso como a Antonio pola súa xenerosidade e dedicación, tanto no traballo que desenvolven continuamente dende hai tantos anos, como por prestarse a compartir con nós o seu tempo, experiencia e reflexións, permitindo que o coñecemento atesourado poida chegar ás/aos futuras/os profesionais do campo da Xerontoloxía".
Kylyan Marc Bisquert i Pérez

Arquivada en:
Infórmate > Noticias