Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 24/06/2025 | Pobo escola 2025. 3º tri

Adeus ó Pobo escola e ola ó Campamento rural

Á procura de espazos, circunstancias que favorezan a aprendizaxe

24/06/2025

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso finaliza a campaña de visitas escolares nas vésperas de abrir de novo as portas de Lodoselo, esta vez para o Campamento Concilia Rural que espera a 160 nenas e nenos nun verán para xogar na aldea.
A edición 2025 do Pobo Escola remata con practicamente 1000 escolares de máis de 40 centros educativos da provincia que viviron unha xornada de inmersión rural en Lodoselo que garda a esencia dos seus inicios fai tres décadas. Nas arredor de corenta xornadas cocéronse máis de 1300 pans de modo tradicional, fixéronse máis de 150 paseos acompañados pola burra Terra e conseguiuse que mil carballos repoboen os montes da provincia.
Sen pausa, o equipo educativo do CDR  O Viso está ultimando o campamento Concilia Rural que comezará o día 1 de xullo e que se estenderá ata o 31 de agosto en catro quendas con corenta nenos e nenas en cada unha. O obxectivo principal é “educar xogando e convivir coidando” e nesta liña se enfocan as actividades xa programadas que combinan os tres recursos principais das aldeas: persoas, animais e árbores. Nesta triada aséntanse unha proposta lúdica que contempla días de piscina, de traballo na horta, de actividades interxeracionais, de xogos e de música.
Esta actividade forma parte dos programas O Noso Espazo e Concilia Rural, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias