Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 19/06/2025 | Espacios de Infancia y Familias

Lodoselo acolle unha xuntanza familiar para celebrar o peche do curso de Espazos de Infancia e Familias

19/06/2025

Este venres, 20 de xullo, Lodoselo será o escenario dunha xuntanza moi especial na que familias da comarca se darán cita para poñer fin, con mimo e agarimo, a unha etapa dos Espazos de Infancia e Familias (EIF) desenvolvida nos últimos meses en Vilar de Santos e Perrelos. Esta actividade levada a cabo nos últimos meses, estivo dirixida a nenas e nenos de 0 a 6 anos dos pobos da contorna, co obxectivo de crear espazos compartidos onde, a través de cancións, contos e diversas actividades, as familias poidan desfrutar e reforzar os vínculos coas súas crianzas nun ambiente lúdico e afectivo.
Durante a xuntanza haberá xogos populares, unha merendiña ben saborosa e mesmo unha pequena foliada, porque… a quen non lle presta escoitar unha pandeireta e unha boa cantareira?
Tras facer unha pausa durante os meses de verán, os encontros retomaranse en setembro con máis forza aínda e coa ilusión de poder abrir novos grupos noutros puntos da comarca.
Un peche festivo para un proxecto que sementa comunidade, música, afecto e aprendizaxes compartidas. Graciñas a todas as persoas participantes; tamén ó Concello de Sarreaus que nos preparou un espazo para este encontro á sombra no campo da Lama, segando a herba que este ano medra ó tolo.
Esta actividade forma parte do programa O Noso Espazo, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias