Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 25/05/2025 | P. LaCaixa web

Seguimos fiando con A Tecedoira: axúdanos a chegar a quen máis o precisa

A obriga é coidarnos

25/05/2025

No CDR O Viso levamos meses traballando con moita ilusión con A Tecedoira, un proxecto que naceu para coidar, escoitar e tecer redes entre as persoas do rural. Unha furgoneta chea de vida que percorre as aldeas da Limia para achegar actividades, compañía e apoio a quen máis o necesita.
Nestes primeiros pasos, xa temos presenza regular nas aldeas de Escornabois e Nocelo da Pena, así como no concello de Cualedro. En Escornabois e Nocelo, cada martes reunímonos con máis de quince persoas en cada sesión para participar en obradoiros de memoria. Pero estes encontros van moito máis alá do traballo cognitivo: son espazos de encontro, de confianza, de apoio mutuo. En moitos casos, son a única ocasión na semana na que algunhas persoas falan, rin e comparten tempo con outras.
Un dos momentos máis especiais vivímolo en Nocelo, cunha andaina guiada polos propios veciños e veciñas, que compartiron historias, lembranzas e emocións mentres redescubrían a parroquia cos seus ollos e a súa memoria.
En Cualedro, estamos colaborando coa asociación de mulleres rurais As Trabes. Aínda que só puidemos facer dúas sesións ata o momento, temos claro que queremos ampliar a presenza para chegar a máis xente.
Pero A Tecedoira non é só actividades grupais. Tamén ofrecemos acompañamento individualizado, adaptado ás necesidades de cada persoa: axudamos a tramitar o bono social da luz, a xestionar axudas, a crear asociacións ou a pedir citas médicas. E, cando fai falla, acompañamos a consultas en Verín ou Ourense, porque sabemos que moitas persoas maiores teñen serias dificultades para acceder aos hospitais por si soas.
A nosa vontade é clara: non deixar a ninguén atrás. Pero para iso, precisamos da vosa axuda.
Sabemos que hai persoas que viven soas, en silencio, sen pedir nada. E moitas veces, os únicos que coñecen esa realidade sodes vós: un veciño, unha sobriña, unha amiga, alguén que ve que esa persoa apenas sae ou que leva días sen falar con ninguén.
Por iso facemos este chamamento: se coñeces a alguén que poida necesitar compañía, apoio ou un pouco de alegría, avísanos. A Tecedoira está para iso. Para fiar rede, para acompañar e para que no rural ninguén quede atrás.
988461571 chama e axúdanos!
#ConvocatoriasProyectosSociales #FundaciónlaCaixa #ProxectosSocialesGalicia2024

 
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias