Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 25/05/2025 | Solidariedade p

Grazas de corazón: a solidariedade da Limia chega onde máis se precisa

Atendendo de maneira afectiva e efectiva

23/05/2025

Hai uns días, unha veciña achegouse ao CDR O Viso e preguntou:
“Que é o que máis precisades agora?”
Paula, a nosa traballadora social, respondeu sen dubidar: “Cueiros.”
Aquela muller, sen facer ruído, marchou ao supermercado… e pouco despois volveu cunha doazón de 200 euros en cueiros para as familias que acompañamos.
Xestos coma este emocionan.
Xestos que nos dan forza.
Xestos que demostran que a solidariedade real chega onde máis se precisa.
Desde o CDR O Viso, que traballamos cada día con persoas en situación de vulnerabilidade no medio rural, queremos agradecer de corazón a todas as veciñas e veciños de Xinzo de Limia.
Porque non só recibimos alimentos, roupa, produtos de hixiene ou artigos para o fogar.
Recibimos algo moito máis valioso: persoas que se achegan e preguntan: “En que podo axudar?”
Nuns tempos nos que a solidariedade é máis necesaria ca nunca:
• Cada achega conta.
• Cada mostra de interese suma.
• Cada acto solidario ten un impacto real nas vidas de moitas persoas.
Grazas, Xinzo. Grazas pola vosa humanidade e compromiso.
Desde o CDR O Viso seguiremos aquí, tecendo rede e dignidade, coa vosa axuda.
Esta actividade forma parte do Programa de atención ás necesidades básicas das persoas do medio rural, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7 % do IRPF.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias