Noticias
© CDR O Viso | 16/08/2023 | Nueva edición Olimpiadas rurales interpueblos
Nova edición das Olimpíadas Rurais Interpobos da Limia
Unha xornada de convivencia, festiva e deportiva competición
16/08/2023
No CDR O Viso cremos na importancia de promover a inclusión e a dinamización social como xeito de xerar comunidade e compartir experiencias coa xente de todas as xeracións. Por iso, tras o éxito de participación da pasada edición, volvemos organizar en colaboración co colectivo RAS, as Olimpíadas Rurais Interpobos da Limia, o que novamente significará unha xornada de convivencia, festiva e deportiva, que se vai celebrar o vindeiro sábado 2 de setembro en Xinzo de Limia, na Alameda do Toural.
Contaremos con diversas probas, case do mesmo xeito que na primeira edición, que van dende un ámbito máis deportivo como un pequeno duatlón (bici e carreira a pé) e unha proba de velocidade, ata probas populares como lanzamento de pataca, o brilé ou os birlos entre outras moitas.
As probas desenvolveranse ó longo do día, en horario de 10 a 21h con descanso para o xantar e a entrega de premios ao remate.
Do mesmo xeito que nas pasadas Olimpíadas, das que resultara gañador o equipo de Vilar de Santos, os grupos participantes deberán estar formados por un número de entre 6 e 12 integrantes e será imprescindible que sexan mixtos, tratando de equiparar sempre que sexa posible o número de homes ó de mulleres.
Esta actividade enmárcase, nesta edición, no Programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polo que conta co financiamento da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia; así coma coa colaboración do Concello de Xinzo de Limia.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias