Accesibilidad

Noticias 

Estamos a participar nun proxecto de transformación dixital

Aprendizaxe, innovación, mellora continua

23/06/2023 | A Limia

No CDR O Viso estamos a participar ilusionados no proxecto de “Transformación Dixital para o Desenvolvemento Integral no Medio Rural” impulsado por COCEDER. É un proxecto orientado a modernizar os servizos que ofrecemos dende o CDR tanto a nivel interno, como de cara ao exterior, asumindo retos como a mellora da nosa páxina web ou as nosas redes sociais, coa finalidade de que a comunicación entre a veciñanza e o Centro sexa más directa e persoal, e consigamos chegar a aquelas persoas que aínda non coñecen a nosa labor na comarca da Limia.

Outras liñas de actuación, non menos importantes, implican a implantación das novas tecnoloxías no coidado dos nosos maiores, por exemplo mediante o uso de dispositivos de tele-asistencia coma o reloxo que nestes días está probando o Julio na nosa vivenda comunitaria, en Lodoselo. Este dispositivo conta con sistemas de xeolocalización, avisos ante situacións de emerxencia, como posibles caídas, ou controis médicos remotos, entre outros.

 Mediante este novo proxecto, tamén marcamos o obxectivo de romper coa fenda dixital tanto das nosas persoas traballadoras, colaboradoras e voluntarias, coma da veciñanza da comarca, a través da organización e oferta de talleres formativos naquelas áreas tecnolóxicas que poidan axudar a coñecer o mundo dixital, co obxectivo de que todas e todos sexamos capaces de levar a cabo xestións básicas coas Administracións, comunicarnos de forma dixital coas nosas familias ou amizades, ou sexamos quen de utilizar os ordenadores para tarefas básicas que poidan facilitarnos o día a día.

Por todo isto, cremos na importancia deste proxecto para a veciñanza da comarca da Limia, para non permitir que o rural quede atrás!

O Programa de Transformación Dixital está promovido por COCEDER, vinculado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e financiado pola Unión Europea con fondos NextGenerationEU.

 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias