Noticias
© CDR O Viso | 08/06/2023 | Infancia Parlamento Galego
Políticos por un día e sempre
As nosas nenas e nenos no Parlamento Galego
08/06/2023
Este pasado martes, 6 de Xuño, tivo lugar un encontro no Parlamento de Galicia, organizado pola Asociación EDUCO, dentro do marco da Campaña Mundial pola Educación (CME)- Galicia, seguindo o lema deste ano 2023: “A Educación transformadora coa perspectiva de xénero”.
Dende o CDR “O VISO” pareceunos unha oportunidade inmellorable para acudir co noso grupiño de FAIN, participar e así representar á provincia de Ourense neste acto.
Mais de 100 rapaces e rapazas de toda a nosa Comunidade Autónoma expresaron as súas inquedanzas e preocupacións en materia de educación. Do total de participantes, unha vintena de nenas e nenos convertéronse nos portavoces dos seus compañeiros no hemiciclo, dando voz a eses discursos tan emotivos que semanas atrás prepararan con moito agarimo.
O noso grupo estaba formado por Xiana , Emma, Luis Isidro, Jeremy, Alejandro, Paula, Sara, Marieta, Jannat, Alhassan, Doha, Aroa e Diana, un total de 13 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 12 e os 14 anos, acompañados por Lucía, Estela e Miriam.
No noso caso, centramos o discurso nas características do noso rural, os desprazamentos en autobús, as longas xornadas educativas, a falta de actividades de ocio e tempo libre nas vilas máis pequenas, etc. Así mesmo foron capaces de reflexionar, dende unha óptica mais global, reivindicando a falta de acceso á educación noutros países do mundo e ás desigualdades de xénero existentes nos mesmos.
Os portavoces destas e outras ideas foron Xiana Pozo e Jeremy Geovanny, e deixaron o pavillón ben alto.
Ó remate da xornada tocou repor forzas cun xantar inesquecible no Mercado A Galiciana, onde desfrutamos da boa compaña dun xeito máis distendido e informal.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias