Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 03/02/2025 | Matadero Móvil Xunta de Galicia

Tivemos de novo o Matadoiro Móbil de Galicia en Lodoselo

Posibilitando que poidamos consumir o que producimos e contribuíndo á sustentabilidade ambiental

03/02/2025

Este pasado venres, último día do mes de xaneiro, tivemos de novo o Matadoiro Móbil de Galicia en Lodoselo, preparando as canales de varios años da nosa pequena explotación ovina.
Trátase dun camión de 12 rodas, coa súa correspondente cabeza tractora e o semi remolque frigorífico, de 14 metros de longo e máis de 2 metros e medio de ancho; ademais vén o veterinario e os matachíns. Un total de cinco persoas  que posibilitan un servizo ben interesante porque mellora a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións gandeiras, sobre todo as de pequeno tamaño e de zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e/ou distantes dos matadoiros convencionais.
A certificación emitida con cada canal di que foi sacrificada de acordo coa lexislación vixente e cumprindo con parámetros que permiten minimizar o estrés dos animais polo seu transporte e polo tanto sendo máis respectuosos co benestar animal.
Acredita o cumprimento da normativa de Benestar Animal, que é un produto de proximidade (quilómetro cero) e que contribúe á sustentabilidade ambiental polo seu labor na prevención de incendios forestais.
Do mesmo xeito, o Matadoiro Móbil de Galicia emprega protocolos que avalían e teñen en conta requisitos de calidade e xestión medioambiental, para diminuír a pegada ambiental que permite a obtención de dita canal dun xeito sostible, considerando aspectos como:
• Diminución dos desprazamentos mediante o sacrificio na mesma explotacións de orixe.
• Medidas de control de consumos, aforro enerxético e menor emisión de CO2.
Grazas pois, porque este servizo posibilítanos devolverlle ós alimentos a súa dignidade. Producirmos os nosos propios alimentos (unha parte deles) que son moito máis que simples bens de consumo. Alimentos producidos grazas ó chan nun paradigma no que os seres vivos tomamos e damos. Alimentos como fonte principal de saúde e benestar.
Sen esquecer a relación positiva entre o pastoreo e a conservación da paisaxe tradicional en mosaico; o pastoreo como unha ferramenta de vital importancia para a conservación da contorna; así andamos, co noso pequeno rabaño de ovella galega, promovendo prácticas gandeiras tradicionais en equilibrio coa natureza, xerando beneficios tanto para as persoas como para o medio.
Enmarcamos estas actuacións dentro dos programas da liña II (Actuacións destinadas ó voluntariado ambiental e máis especificamente de sensibilización: Coñecer, Conservar e coidar a nosa contorna) de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nos que participamos como Unión de Asociacións Rurais Terra e Xente.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias