Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 17/01/2025 | Pastoreando entre castiñeiros

Padecer unha vida desvinculada dos demais e da contorna empeóranos moito.

Celebramos, non só no medio rural, o San Antón, patrón dos gandeiros e protector dos animais domésticos

17/01/2025

Celebramos, non só no medio rural, o San Antonio Abade patrón dos gandeiros e protector dos animais domésticos; coñecido popularmente coma o San Antón, deixou unha pegada imborrable na historia do cristianismo e na devoción popular cara os animais. Nacido ó redor do ano 251 en Exipto, a súa vida estivo marcada por un profundo compromiso coa fe e a renuncia ós bens materiais.
A especial relación do San Antón cos animais ten a súa orixe en diversas lendas que contan como estes seres o acompañaban e mostrábanlle respecto mentres vivía como ermitán. Segundo estas historias, o santo posuía unha conexión case mística coa fauna, coa natureza, o que o converteu nun símbolo de protección para os animais.
Na súa honra, cada 17 de xaneiro, as igrexas e comunidades de todo o mundo celebran a súa festividade coa costume de bendicir ós animais e ás plantas.
Na actualidade fálase moito dalgúns deles, sobre todo dos animais de compaña que se crían, moitas veces, para dar resposta ás nosas necesidades emocionais. Un desafío máis sería manter un equilibrio entre tradición e modernidade; respectar as súas capacidades de traballo, a cultura que encarnan, os valiosos servizos que durante séculos nos prestaron. De posturas dun certo ecoloxismo de salón, de convertelos en obxectos para satisfacer banalidades... a chamarlle a case todo maltrato animal e mesmo tratarnos como delincuentes por producir os nosos propios alimentos (iso si, en nome da sanidade!).
A nosa aposta é vivir en harmonía co medio, coa contorna porque esquecelo é non acordarse do que realmente somos: non nos podemos entender sen a natureza. E resulta que están en perigo de extinción as razas máis adaptadas ó medio, as razas autóctonas. Seguimos a perder os saberes que forman parte do territorio. Conmemoramos esta data para estimular a aprendizaxe que nos posibilita formar parte da contorna e respectala porque somos seres interdependentes e necesitamos os coidados doutras persoas, os recursos e a presenza doutros seres vivos. Padecer unha vida desvinculada dos demais e da contorna empeóranos moito.
Agasallo de M. Regal (oración a San Antonio, patrón dos animais, no día da súa festa):
San Antón Santo Antoniño,
Amigo dos animais,
Que o teu exemplo nos faga
Con todos eles legais.
Que os amemos e coidemos
Con airiños de irmandade.
Eles e nós construimos
Natural comunidade.
Quen maltrata un animal,
Se as cousas se lle terzan,
Maltratará a veciña
A pouco que lle conveña.
Contigo, Santo Antoniño,
Deámoslle bendición
A todos os animais
Presentes aquí ou non.
Ti que fuches ermitán
Apréndenos no silencio
A amar e coidar a vida
Sexa cal sexa o seu prezo.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias