Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 24/12/2024 | Cartel A Raíz do Tempo

Presentación de la obra “A RAÍZ DO TEMPO. Veciñanza de Freixo”

25/12/2024

Fai aproximadamente un ano, os veciños e veciñas de Freixo inmiscuíronse nunha iniciativa impulsada dende o CDR a través do Programa Biocoidados coa que se pretendía reflexar e deixar constancia por escrito da historia do seu pobo, de Freixo.
“A raíz do tempo” compartido coa veciñanza, démonos conta da cantidade de saberes e historias que os maiores tiñan para contar, anécdotas que comparten dende a infancia cando xa ían xuntos á escola, ao monte, ás festas… Experiencias que acumulan como comunidade, unha comunidade forte, unida, resiliente e solidaria. Por iso, propuxémoslle a posibilidade de recoller nun pequeno libro algunhas etapas da súa vida xuntos; proposta que foi acollida con ilusión e agarimo dende o primeiro momento e na que participaron activamente todas as semanas destes últimos meses.
Foron moitas as tardes que compartimos con eles, nas que tivemos tempo de recoller moreas de historias e de información mentres desfrutabamos de longas conversas arredor da mesa do café. Coñecemos persoalmente aos veciños e as súas familias, as súas costumes e tradicións, os puntos máis importantes do pobo e revisamos centos de fotos antigas, conseguindo finalmente plasmar o que nos pareceu máis destacable nun humilde libriño froito do esforzo e da memoria colectiva: A Raíz do Tempo.
Comeza o libro cunha comparativa da árbore do Freixo coa sociedade rural galega. No tronco dunha árbore coexisten dúas partes, a parte externa e nova en continuo cambio e crecemento; e a parte máis antiga e resistente, o núcleo, que lle dá á árbore a solidez e a forza estrutural que precisa para manter a estabilidade. Albura e durame, novos e maiores, as dúas forzas conformando o equilibrio perfecto que permite á comunidade existir como tal.
Aínda que non sexa sempre a parte máis visible da realidade, son os nosos maiores os que sosteñen a identidade do pobo, os que conteñen os recordos, as historias, a memoria… así é como a comunidade sobrevive xeración tras xeración, grazas á sabedoría ancestral das súas raíces. Por iso, a finalidade perseguida coa redacción do libro mencionado é darlles voz para que non caia no esquecemento todo o que teñen que contar, o que os define como pobo, como comunidade.
Este próximo xoves, 26 de decembro, as 16:00, terá lugar a presentación e entrega dos exemplares finais á veciñanza de Freixo, protagonistas desta historia, e as súas familias, nun pequeno acto íntimo no que se porá fin ao proxecto que fixo posible tan produtivos encontros.
Estas accións enmárcanse no proxecto BIOCOIDADOS: NOVOS MODELOS DE COIDADOS PRESTADOS POLA COMUNIDADE, CENTRADOS NA PERSOA, EN CONTORNAS RURAIS; está vinculado ao Plan de Recuperación Trasformación e Resiliencia do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU. Promovido pola Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (COCEDER).

Arquivada en:
Infórmate > Noticias