Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 20/12/2024 | Merenda Nadal 2024

Merendar ó quente. Merendar ó calor da xente.

Eu son... CDR

20/12/2024

Comer de seco ou de rillado foi en parte festa e en parte necesidade. Parar nos traballos do campo a media mañá para almorzar chourizos ou touciño con pan nunca lle amargou a ninguén. Cear cerca da lareira “tantiño” salchichón ou queixo tampouco ten sido un problema. Vaia, tomar comida fría pode ser unha acción tan reconfortante coma a mellor sopa ou o mellor guiso.
Onte no CDR quixemos ir pechando o ano xuntando moitas das mans que o sosteñen día a día. O ritmo e a rutina cotiá fai que non nos poidamos mirar tanto ós ollos como quixeramos así que cómpre parar de vez en cando, deixar as ferramentas de traballo (as potas quen cociña, o volante quen conduce as furgonetas, os papeis quen pelexa polos proxectos, os lapis e libros quen ensina... e as máis importantes, as mans que coidan) e falar da nosa vida. A Manola vai ter unha netiña e ten o peito tan cheo de felicidade que case non colle en si. O Xoán da Lucía, o Antón da Guadalupe, o Luca da Mila e a Gaela do Camilo tamén quixeron merendar no CDR. Alimentando o aprecio do valioso, o vínculo cos demais que tamén son parte de nós; do proxecto compartido; da nostalxia (para os que levamos moitos anos)... que contribúen a imaxinar o futuro. Charlamos, bebemos e comemos... E tivemos un momento para xogar porque o  CDR dá moito xogo. Gústanos enredar como xeito de aprender e foi o que fixemos despois de compartir unha merenda colaborativa.
Na convocatoria feita, o convite, coma estes últimos anos, levaba consigo o ter que levar algo de comer ou beber pero tiña que ser algo que comezara pola mesma letra que o nome. Tiñamos que avisar a Mila para termos unha referencia e velaquí o que foi aparecendo enriba da mesa para compartir: Lambonadas, empanada, patacas, panetonne e aceitunas, mojito, mazás asadas, auga, cola, toreras, tortilla, minipizzas, sandy, galletas, cervexas, pasteliños de coco, emmental con pan, zume de laranxa, sandwiches variados, doces, ovos, xamón, salchichón, muffinns de verduras, mexilóns, montaditos,  albariño, pan... Vaia, todo un festín o que nos demos.
Sabemos que sempre vai ter que faltar alguén porque onte a esa hora a Mª José e a Rosa estaban atendendo ás persoas da vivenda comunitaria. A maiores doutra xente que non puideron ou non quixeron achegarse, mesmo esquecemos avisar a alguén! Con todo, foi un momento de moito goce. De cultivar o talento corporativo, o capital humano.
Rematar o ano significa tamén pechar capítulos e abrir outros aínda por escribir. E niso andamos. A semana que vén encetaremos un caderno novo e coma calquera neno ou nena cando empeza unha libreta, queremos facer a mellor letra e escribir as mellores historias da Limia, o noso rural.
Bo Nadal e feliz 2025!

Arquivada en:
Infórmate > Noticias