Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 18/12/2024 | Baixo a mirada do Ambrosio

O segredo dos camiños. Baixo a mirada do Ambrosio

En As Casas da Memoria, en Lodoselo

18/12/2024

O próximo venres 20 de decembro terá lugar a exposición “O segredo dos camiños. Baixo a mirada do Ambrosio”, realizada con un dos participantes do proxecto Biocoidados dende o CDR O Viso, nas Casas da Memoria en Lodoselo.
Este proxecto nace tras coñecer a Ambrosio, un veciño de Ameá, que despois de indagar sobre a súa historia de vida e os seus desexos, comezamos o traballo de acompañalo polas diferentes aldeas de Sarreaus, coa finalidade de atoparse con antigas amizades, as cales levaba moitos anos sen ver. 
Os acompañamentos comezaron a converterse en rutas turísticas, e coa escusa sempre de ver algún veciño ou veciña da contorna empezaron a saír grandes anécdotas de recunchos singulares que se esconden en cada unha destas aldeas.
Con esta exposición pretendemos mostrar, de forma ilustrada, todos aqueles lugares que Ambrosio nos ensinou, e todos aqueles contos que os acompaña.
Falamos  do forno de Ameá, da forxa de Lodoselo, da Capela dos Milagres de Portela da Quinta, da fonte de Celanova en Meilás e do Penedo do Arangaño que se atopa entre Cortegada e Perrelos. Falamos de lugares sobranceiros que gardan miles de historias de vida. Pero sobre todo, falamos da importancia de escoitar ós nosos maiores, de recoller e gardar cada un dos contos e vivencias que están a piques de disiparse.
Dende o CDR O Viso agradecemos as aportacións do Ambrosio como mostra de gratitude por compartir e transmitir os seus saberes. E animamos a toda a veciñanza a acompañarnos neste día tan especial, onde o Ambrosio relatará como fomos construíndo e mimando este proxecto.
Estas accións enmárcanse no proxecto #Biocoidados: Novos modelos de coidados prestados pola comunidade, centrados na persoa, en contornas rurais; está vinculado ao Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU. Promovido pola Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (Coceder).

Arquivada en:
Infórmate > Noticias