Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 17/12/2024 | Formación interna 1

Convertendo a experiencia en aprendizaxe: sesión de formación interna

17/12/2024 | Lodoselo

Na tarde deste martes, 17 de decembro, tivemos unha formación interna no CDR O Viso. Un total de 21 persoas entre o persoal laboral, algunha persoa voluntaria e algúns membros da Xunta Directiva participamos nunha sesión que impartiu Toni G. Lorenzo do INGADE, empresa de Consultoría, sobre xestión emocional e resolución de conflitos.
A importancia da comunicación asertiva e o control do estrés, os factores que o desencadean e a diferenza co distrés e mesmo as vías das que dispoñemos para avaliar a nosa actividade foron algunhas das temáticas que propiciaron pasarmos uns momentos xuntos e reflexionar sobre estratexias e habilidades para o manexo das situacións cotiás coas que convivimos. 
A través do diálogo, con algúns role playing como ferramenta para a reflexión e sobre todo grazas á implicación das persoas participantes valoramos entre outras a necesaria calma -compatible cun certo nivel de estrés- e a formación continua e permanente como actitudes ben axeitadas. Porque cada un de nós temos moita capacidade de influír sobre a nosa propia conduta.
Graciñas a todas as persoas que fan isto posible; pola disposición, polo tempo destinado a ser, estar, mirar, sentir, pensar. Merece respecto o que leva tempo: pausa, elaboración permanente... Converter a experiencia en aprendizaxe. E estar aprendendo sempre. Nese empeño seguimos. Porque sabemos que cada persoa que traballa no CDR O Viso é unha expresión do CDR e está chamada a sentirse responsable del. 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias