Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 01/07/2026 | Encontro comunidade 26 xuño 26 1

Encontro en Lodoselo para celebrar un ano máis de comunidade e participación

29/06/2026

O pasado venres, Lodoselo encheuse de vida coa xornada de fin de curso das actividades comunitarias do CDR O Viso. Ata alí achegáronse persoas participantes de Lodoselo, Sarreaus, Cortegada, Folgoso, Nocelo da Pena, Vilariño das Poldras, Escornabois, Freixo e doutras localidades da Limia para compartir unha tarde de encontro, risas e boa compañía.
Ao longo da xornada houbo tempo para a risoterapia, un obradoiro creativo con papel e tamén para recuperar os xogos tradicionais, deses que sempre acaban traendo lembranzas e facendo sorrir.
Pero, por riba de todo, o mellor da tarde foi volver verse. Reencontrarse con persoas coñecidas, poñerse ao día, compartir unha conversa sen présa e gozar da compañía de quen forma parte do día a día das nosas aldeas. Eses pequenos momentos son os que fan medrar a comunidade.
Cada semana, nos locais sociais da comarca, constrúese algo moito máis importante ca un programa de actividades: créanse relacións, acompáñanse persoas, combátese a soidade e mantense vivo ese espírito de axuda mutua que sempre caracterizou ao noso rural. E esta xornada foi unha fermosa maneira de celebralo.
Desde o CDR O Viso queremos agradecer a todas as persoas que participan, colaboran e fan posible estas actividades ao longo do ano. Grazas á súa implicación, cada encontro convértese nun espazo onde aprender, compartir e, sobre todo, sentirse parte da comunidade. O outro grande agradecemento é para o voluntariado, as persoas que regalan o máis valioso, o tempo. Nesta ocasión ser voluntario ou voluntaria significou acompañar ás persoas nas instalación do CDR e que se sentiran na casa. Outras veces ser voluntario ou voluntaria é rozar espazos comúns, limpar unha fonte ou ir media hora antes ó centro social prender o lume ou a calefacción.
Porque facer comunidade é iso: seguir atopándonos, coidándonos e demostrando que a maior riqueza da Limia segue sendo a súa xente.
O proxecto de innovación social «Comunidades inclusivas: solucións innovadoras de coidado e apoio no medio rural» é unha operación do Ministerio de Traballo e Economía Social no marco do Programa estatal do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) «Inclusión social, garantía infantil e xuvenil e loita contra a pobreza», impulsado por Coceder e cofinanciado pola Unión Europea, e financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7 % do IRPF.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias