Accesibilidad

Noticias 

© Sole | 22/06/2026 | Tecedeiras documental 1

A capacidade de recordar e de proxectar

Sobre as tecedeiras e a iniciativa galega polo liño

22/06/2026

O pasado martes, 16 de xuño, recibimos en Lodoselo a Sole ( do equipo Maiores Rural Cáritas) que contactara para participarmos no proxecto de Manuel Calviño que, xunto con Paula Cereixo e Lucas Terceiro (productora Tres Ínsuas), están realizando un documental sobre as tecedeiras en Galicia.
Viñan de estar con Ángela, unha xoia de 103 anos, que aínda é historia viva das tecedeiras que está en o Noso Fogar da Lima e do Santuario de Couso con mulleres dos concellos de Calvos de Randín, Muíños e Blancos que levaron as colchas que herdaron dos seus antecesores e contaron todo o proceso de elaboración das mesmas.
Aquí no fiadeiro que temos na reitoral e como recurso do Pobo escola gravaron a Palmira, outra historia viva das tecedeiras. Acompañada doutras persoas -coma a Avelina, a Rosa, a Claudina, o Miguel e a Asunción-  que están en A túa outra casa (Vivenda comunitaria) e que tamén son testemuña daquela época na que nas casas se cultivaba o liño.
Se entón se chegou a considerar “rústico e impropio para levar pola rúa”, se abandonou e substituíu polo algodón e o tergal, convén lembrar que por aquí case todas as familias cultivaban, procesaban e tecían o liño para confeccionar as camisas, as sabas... e a la das ovellas, que hoxe se acumula como residuo.
Aquela tradición mantida dende tempos dos romanos (?), aquela “industria tradicional”  en mans das mulleres que nos séculos XVII e XVIII alcanzou sona pola durabilidade, suavidade... está sendo revalorada con cultivos experimentais no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña) pola bautizada Iniciativa Galega polo Liño. Recentemente soubemos disto (El País 18 de xuño) e do convenio entre a Fundación Adolfo Domínguez, a asociación Legados e a Xunta de Galicia. Parece ser que o liño necesita exactamente as condicións climáticas e o tipo de terreo que temos en Galicia.
O liño é "o máis saudable que pode tocar a nosa pel" e o de Galicia era considerado “mellor que o de Flandes”, di Adriana Domínguez, que defende ó seu pai coma un visionario da moda. Como non nos imos lembrar de que “La arruga es bella” o  famoso slogan daquela campaña de Adolfo Domínguez en 1982.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias