Misión, visión e valores
Somos unha entidade sen ánimo de lucro, declarada de Utilidade pública. Unha obra comunitaria case tan fráxil e provisional coma os propios seres humanos que a conformamos. Que aprendemos no territorio, no día a día, a vivir na vulnerabilidade con serenidade e esperanza. E experimentamos que a atención ós demais no coidado mutuo produce unha satisfacción plena porque se asenta no amor, en dar valor á interdependencia e á forza do compartir e da solidariedade.
MISIÓN: "Acompañar á xente do medio rural limián en procesos de desenvolvemento que asumen o desafío de facer medrar a toda a persoa e a todas as persoas".
VISIÓN: Ser un referente da "utopía realizable" no medio rural galego, cunha estratexia de desenvolvemento integral dirixida á poboación mais vulnerable da comarca da Limia; a través de accións globais de carácter social, educativas, informativas, económicas, de formación e emprego para que a nosa comunidade permaneza no seu medio, en mellores condicións e cunha maior calidade de vida.
VALORES: A inquietude e o compromiso prioritarios do Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso”, o seu verdadeiro norte en todos os seus programas, é desenvolver unha auténtica educación integral. A educación integral expresa a mística e o entusiasmo que queremos brindar e que recollemos na pedagoxía e metodoloxía:
- De liberación: da liberdade interior e da conciencia crítica.
- Do diálogo, da convivencia pacífica e do sentido democrático.
- Da expresión, da creatividade e da acción.
- Do sentido da persoa, dos valores, en concreto pola garantía dos valores éticos fundamentais (da xustiza absoluta coas persoas e coa historia, a convivencia fraterna, o respecto e a acollida)
- Do sentido do ben común, da pertenza a un pobo e da conciencia histórica.