Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 20/04/2023 | Taller Boado

Obradoiros de hábitos saudables

Asociación diabética Auria - CDR O Viso

20/04/2023 | A Limia

#Biocoidados, proxecto piloto que traballa pola promoción de novos modelos de coidado prestados na comunidade, centrados na persoa, en contornas rurais que estamos a desenvolver dende o CDR está vinculado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Secretaría do Estado e Dereitos Sociais, financiado pola Unión Europea cos fondos Next Generation.
Dende o equipo de Biocoidados, somos conscientes da importancia dos hábitos saudables para as persoas; é por iso que como conectores da comunidade reunímonos o pasado 11 de abril coa Asociación Diabética Auria en Xinzo de Limia. O propósito deste encontro foi a creación dun convenio entre o CDR O Viso e Auria, para poder traballar man a man e ofrecer ás persoas participantes de biocoidados, e aos veciños e veciñas da comarca da Limia, espazos para compartir e reflexionar sobre a importancia dos nosos hábitos.
A proposta que se fixo gustou moito á asociación Auria e decidiron poñer en marcha estes Obradoiros de Hábitos Saudables, adaptados ás características das persoas participantes, coa finalidade de educar nesta área: alimentación saudable, rutinas de autocoidado, coidado de familiares, prevención da diabetes, etc.
Concretouse a posta en marcha por distintas comunidades, empezando o 3 e o 9 de maio en Boado, onde unha das traballadoras de Biocoidados, María Paz, xa leva dende o 8 de febreiro como activadora desa comunidade, traballando cos veciños e veciñas con distintas actividades que ademais de ter unha finalidade lúdico-educativa o seu fin último é unir á comunidade e fomentar as relacións entre eles/as.
Esperamos que estes Obradoiros teñan unha gran acollida pois serán un elemento decisivo para traballar en prol da prevención primaria, para crear bos hábitos e para que os veciños e veciñas teñan un espazo no que compartir as súas inquietudes e dúbidas relacionadas coa temática.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias