Accesibilidad

Noticias 

A soidade non desexada non é un fracaso individual, senón un fracaso como sociedade

Día Internacional das Persoas Maiores

01/10/2022

A soidade non desexada: “Non é un fracaso individual, senón un fracaso como sociedade”. Máis País presenta unha proposición non de lei para combater o illamento involuntario e elaborar un censo nacional para dimensionar o problema.
Velaquí o titular dunha nova que aparece no El País deste pasado 28 de setembro. A nova recolle que as persoas maiores son as vulnerables, segundo un informe do Observatorio Estatal da Soidade non Desexada. Di que España non ten un plan para combater este problema e tampouco coñece cantas persoas están a atravesalo.
Aparece o dato de que case cinco millóns de españois viven sen compañía, segundo o Instituto Nacional de Estatística. Deles, dous millóns son maiores de 65 anos. Pero descoñécese cantas viven soas por decisión e cantas porque non queda outra opción. O que, sumado ao estigma á hora de recoñecer que alguén se sente soa ou só, dificulta máis a situación.
Marcos Calvo, o referente estatal do proxecto Enrédate da Cruz Vermella, que combate o illamento nas persoas maiores atina plenamente ó sentenciar que a soidade -non desexada- non é un fracaso individual, senón un fracaso como sociedade. Dende o CDR O Viso enfocamos o traballo con esta perspectiva,  a de sentir que facemos parte uns dos outros. E levamos anos traballando nesta teima; e sentímonos alentados polo traballo ben feito, polas ansias de mellora permanente, polo acompañamento doutras organizacións -dalgunhas formamos parte (Terra e Xente, COCEDER)-; así como cando coñecemos proxectos liderados por Concellos que tamén afrontan esta problemática: por exemplo o de Getafe (Madrid) con dispositivos instalados nalgúns fogares e que posibilitan sesións de terapia cunha psicóloga experta en maiores, ou o de Barcelona co proxecto Radars, un programa que conecta a voluntarios con persoas soas.
https://youtu.be/bScnTC_3iek
A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría celebrou este ano o seu 32 Congreso en Pontevedra e entre outras temáticas abordou a do idadismo, a percepción centrada nos déficits, unha violación dos dereitos humanos das persoas maiores porque “imos perdendo dereitos... como se caducaran coa idade”.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) define o idadismo coma os prexuízos, estereotipos, actitudes negativas e, finalmente, a discriminación cara ás persoas por motivo da súa idade. E engade que o envellecemento non só aumenta o illamento social, senón tamén o estrés cardiovascular e isto ten uns efectos na saúde indiscutibles.
Por iso, neste día internacional das persoas maiores, queremos denunciar esta discriminación endémica (facémola todxs!!!) e cotiá. E manter o compromiso a promocionar o bo trato ás persoas de todas as idades, relacionarnos amablemente; a comprender e espallar que o envellecemento é unha etapa máis da vida, que non debe esconderse nin negarse, porque é absolutamente irreparable; a seguir fomentando accións e actividades interxeracionais; a seguir posibilitando a súa participación, o contar con elxs, non decidir polos demais na toma de decisións para calquera cuestión que teña que ver coas súas vidas.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias