Noticias
© Rubén | 04/03/2022 | Aventeira
Recibimos ós amigos de Lar de Muimenta e ós de Aventeira
Fogar de acollida para menores titorizados e Cooperativa de educación e lecer
04/03/2022 | Lodoselo
Esta semana, xoves e venres, recibimos en Lodoselo a Pepe e Carlos de Muimenta (Cospeito, Lugo: da Casa de Familia Lar) e ós membros da cooperativa Aventeira ( Miren, Xulio, Pol, Rubén, Bobi, Aitor e Inés).
A Asociación Fogares e Apoio ao Menor Lar é unha organización sen ánimo de lucro. A casa de Muimenta é un fogar de acollida para menores titorizados pola Xunta. Contan cunha granxa onde crían porco celta, galiña piñeira, galiña de Mos, can de palleiro, ovella, cabra e cabalo galego. Carlos e Pepe xunto con otras persoas educadoras levan desde 1985 (o mesmo ano que nós aquí nos constituímos como asociación) acollendo a menores titorizados pola Xunta nun ambiente familiar, de tranquilidade e estabilidade.
Compartimos afáns, inquedanzas… e pasamos unha xornada xuntos coñecendo nesta ocasión o noso día a día, sobre todo os programas que estamos levando de servizos de proximidade, vivenda comunitaria, centro de inclusión, etc.
Aventeira, cooperativa de educación e lecer son un equipo multidisciplinar de persoas comprometidas e con moita experiencia no sector. Cren na creación colectiva, no diálogo e nos consensos, e poñen sempre ás persoas por diante.
Para elxs, o lecer e o tempo libre representan a contorna perfecta para a educación en valores, a convivencia e o crecemento persoal e colectivo. Buscan construír un mundo mellor a través das actividades que promoven. E queren achegar alternativas de ocio de calidade a tódalas persoas. Organizan campamentos, excursións, xogos e actividades de todo tipo, para aproveitar ao máximo o tempo libre de pequenos e maiores.
Moitísimas grazas por achegarvos ata nós; os encontros, o coñecernos (ou volver saber uns dos otros), o compartir as nosas ocupacións e preocupacións seguen a ser un estímulo para mirar doutra maneira o mesmo e non caer nunha rutina inercial, para seguir facendo da mellora continua un dos nosos empeños.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias