Accesibilidad

Noticias 

© Miguel Rejo | 30/10/2021 | Magosto 2021

Magostiño no xardín dos sentidos

A horta do San Martiño ten para el e máis para o veciño

30/10/2021 | Lodoselo

Este pasado venres pola media mañá estabamos convocados para facer un magostiño no xardín dos sentidos. A Lucía dende a casa niño achegounos o convite uns días antes e todas as persoas puxémonos a preparar esta festiña para que nos prestara ben.
E vaia se temos a trazabilidade do produto estrela. Porque preparamos os soutos que nos deixaron (coa axuda do Gerardo e o alumnado de 2º do ciclo de Aproveitamento do Medio Natural do IES Cidade de Antioquía), recollemos as castañas (o Mateos, O Luis, a Julia, o Toño), escolléronas e ata as mucharon varios días nos bancos diante da vivenda comunitaria (sobre todo a Asunción), cortáronas para que non esbouraran ó asalas e revisáronas o xoves no centro de inclusión… 
E os versátiles Pili, Eloi, Manolo, Perfecto... e demais persoal do CDR que asaron as castañas, prepararon o espazo e algúns petiscos para acompañar as castañas ben asadas, amenizaron o encontro coa música do país e a gozar do momento en boa compaña. As crianzas da casa niño e as persoas maiores que participan nas actividades diarias de prevención da dependencia e promoción da autonomía co persoal laboral que o fai posible e algúns achegados completamos o grupo.
Entre estes contamos coa presenza de Jacobo Rey (Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamizacion Demográfica da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia) e María José Fdez Laso (Xefa Territorial desta Consellería en Ourense). Fixémolos partícipes deste noso empeño contándolle o noso quefacer cotiá; e sentimos a súa comprensión, sintonía e alento para seguirmos tratando de facer posible o que nos parece necesario para seguir acompañando ás persoas do noso medio contribuíndo a unha maior calidade de vida.

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d372092937k4579390o2l1/Magostiño no xardín dos sentidos

Arquivada en:
Infórmate > Noticias