Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 25/02/2022 | Ed. Sociais USC

Visita ó CDR O Viso para a realización dun traballo final grupal de Educación Social

Da materia Acción Socioeducativa nas Discapacidades

25/02/2022 | Lodoselo

Hoxe recibimos en Lodoselo a 60 persoas que están facendo 3º curso de Educación Social en Santiago de Compostela; coñeceron o centro de inclusión, o espazo sensorial, a casa niño e recibiron as explicacións do persoal que alí traballa, a vivenda comunitaria, a antiga casa reitoral reconvertida dende o ano 1990 en edificio multiusos e base operativa do pobo escola e ata paseamos polo pobo para achegarnos ata as casas da Memoria no barrio do Outeiro nas que se están poñendo as testemuñas das minas. 
Unha xornada na que pasamos frío pero moi rica polo grande interese que amosaron os futuros profesionais da Educación Social; tamén pola transmisión do traballo, o empeño, a filosofía... que fixo cada persoa dende o seu posto (todas, importantes e necesarias). “Un pracer de equipo” foi un dos comentario que me chegou.
Nesta visita ao CDR O Viso, organizada pola profesora da USC Bibiana Regueiro para a realización do traballo final grupal da materia “Acción Socioeducativa nas Discapacidades”  a proposta foi observar e analizar que necesidade podería existir na que puidesen actuar/intervir, relacionada coa discapacidades ou diversidade. O paso seguinte será que o alumnado deseñe un proxecto de intervención socioeducativa, fundamentándoo teoricamente cun diagnóstico do contexto. Así mesmo, de entre todos os proxectos realizados polo alumnado un dos mesmos será elixido polo centro, coa posible finalidade de poñelo en marcha de consideralo oportuno.

Bibiana Regueiro  é membro do Grupo de Investigación ESCULCA, un Grupo de Referencia Competitiva do Sistema Universitario de Galicia ubicado na Facultade de Ciencias da Educación da USC e coa que estamos en contacto a través de Arredor do rural Comunidade de Accións e Saberes, como lugar de oportunidades para recuperar a mirada cara a vida das comunidades e do territorio. Tamén colaborou co CDR cando presentamos o proxecto de Biocuidados.

Os/as educadores/as sociais, na actualidade hai tres no CDR O Viso, son profesionais da Educación cuxa función principal é a de realizar intervencións  socioeducativas con persoas e os seus contextos para facilitar o seu máximo desenvolvemento  sociopersonal así como a súa participación responsable nos diferentes ámbitos  sociocomunitarios.
Moitísimas grazas por este achegamento á nosa realidade, polo interese traducido en preguntar, atender, transmitir entusiasmo, polas ganas de transformar e mellorar a nosa realidade, por gozar deste día xunt@s (a pesar do frío) e coa inestimable axuda da Muma (que tamén fixo o seu papel).

Arquivada en:
Infórmate > Noticias