Accesibilidad

Noticias 

© CDR "O Viso" | 16/11/2021 | Fomos somos e seremos emigrantes

Día internacional para a Tolerancia

FOMOS, SOMOS E SEREMOS EMIGRANTES

16/11/2021 | Xinzo de Limia

No Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso” conmemoramos hoxe o Día Internacional para a Tolerancia, declarado pola Asemblea Xeral da ONU no 1996 co cometido de fomentar a compresión mutua entre as culturas e os pobos. Este imperativo figura na Carta das Nacións Unidas e na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Desde este organismo recollen que a loita contra a intolerancia esixe un marco legal, educación, acceso á información, toma de conciencia individual e busca de solucións locais. Por iso, e en base ó noso traballo diario con persoas de orixes, idades, culturas e ideoloxías diversas reafirmámonos en que “todas as persoas somos emigrantes”.

Presentamos a campaña “Fomos, somos e seremos emigrantes” a través dun vídeo colectivo no que participaron o Abdallah, o Inocencio, o Manuel, a Isolina, o Luis, a Hafida, o Alberto, a Lidia, o Doudou, a Olga, o Chen Junhua, a Ji Weifen, a Ángela e o Andrés, persoas limiás cunha característica común: todas elas tiveron que emigrar nun momento dado da súa vida e a día de hoxe viven na comarca.

Esta mañá, aproveitando a conmemoración do Día Internacional para a Tolerancia, presentamos o vídeo no Bar Monforte cun grupo de mulleres de procedencias diversas que compartiron reflexións, inquedanzas e historias de vida. Foi o primeiro de moitos cafés interculturais que virán polo enriquecedor do encontro: falar de ti a ti, mirármonos ós ollos e coñecernos para respectarnos.

Estas actividades levámolas a cabo xunto con outras entidades que forman a agrupación galega “Terra e Xente” dentro do programa “Galicia Acolledora”. Están financiadas pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través das axudas destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas.

“Ogallá poidamos manter viva a certeza de que é posible ser compatriota e contemporáneo de todo aquel que viva animado pola vontade de xustiza e a vontade de beleza, naza onde naza e viva cando viva, porque non teñen fronteiras os mapas da alma nin do tempo” Eduardo Galeano

#fomos, somos e seremos emigrantes

# Eu son porque nós somos

Arquivada en:
Infórmate > Noticias