Accesibilidad

Noticias 

Visita da Directora Xeral de Familia e da Delegada Territorial da Xunta en Ourense

Á recén inaugurada "Casa Niño" e a outros programas do CDR

16/10/2019 | Lodoselo

     A Directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, acompañada da Delegada Territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, pero tamén Marta do gabinete da Xefatura Territorial, membros da Corporación Municipal do Concello de Sarreaus acompañados por membros do CDR O Viso visitaron as instalacións da nosa Casa Niño que se puxo en marcha este pasado mes de agosto non na localidade de Sarreaus, como apareceu nos distintos medios senón en Lodoselo (Concello de Sarreaus). 

   Ademais de pasar un anaquiño de tempo e gozar da compaña das crianzas (Laura, Antón, Xoán, Ismael) e tamén das familias ( Dolores e  Paco) sen esquecer á Lucía e a Laura e dun espazo espectacularmente deseñado para levar a cabo este proxecto educativo, aproveitamos para facerlle chegar as nosas "queixas" pola excesiva burocratización que supón moitas veces a adaptación que esixe a administración a unha normativa (nalgúns casos) moi corta de miras. 

   A continuación xa estivemos visitando as outras dependencias do CDR: no mesmo Centro de Inclusión ós participantes e persoal que nese momento tiña alí actividades ( con Saray, psicóloga; con Helena, terapeuta ocupacional e con Sonia, coidadora); a Carmen e Edi (coordenadora e traballador social, que estaban atendendo a unha inspectora de Servizos Sociais);  a Davide e Bahar (do Servizo de Voluntariado Europeo); a Maruja, Julia, Yedhiel e Bruno que na cociña estaban preparando as bandexas do comedor a domicilio.

   Tamén nos achegamos á casa reitoral para amosar as dependencias onde se desenvolven as actividades do Pobo escola, de Conciliación, de formación e finalmente... E pasamos por "A túa outra casa" vivenda comunitaria tutelada...

   Pedímoslle para todo isto poder seguir contando coa axuda da administración autonómica e poder así facer posible o que é necesario que é o que tratamos de conseguir cos programas que temos en marcha; así como para poñer en marcha aqueles outros que estamos artellando: Casas da memoria (minas de estaño, emigración) e Centro de interpretación da Paisaxe, casas de aluguer para os novos poboador@s e casas de acollida para extranxeir@s/refuxiados con crianzas...   E tamén lle pedimos ós representantes do Concello de Sarreaus (Alcalde e Concelleira presentes) apoio neste noso empeño de conseguirmos un rural "habitable e habitado".  

Arquivada en:
Infórmate > Noticias