Accesibilidad

Noticias 

Revolta da España Baleirada

O 4 de outubro eu paro polo meu pobo

01/10/2019 | A Limia

MANIFESTO PARO ESPAÑA BALEIRADA
4 OUTUBRO 2019. 12.00h

Fai seis meses na rúas de Madrid, en festiva marcha reivindicativa compartida con miles de cidadáns chegados de tantos pobos e cidades da España interior, desa España rural, lenta e silenciosamente baleirada.
Hoxe, aquí, na praza do pobo ou ás portas do Concello ou ao pé mesmo do noso lugar de traballo, volvemos xuntarnos de novo, non para unir a nosa voz airada e firme senón o noso silencio, o silencio das galegas e galegos que, xunto ao silencio de miles de cidadáns en máis de vinte e tres provincias españolas, debe resoar como un eco sereno e claro no aire limpo de España.

Goberno de España, Goberno de Galicia, institucións públicas e axentes sociais da provincia de Ourense, escoitade o noso silencio que é portador dunha mensaxe cargada á vez de desazón e de esperanza: Queremos un verdadeiro Pacto de Estado contra o despoboamento, contra a desvertebración territorial de España e contra a crecente desigualdade de oportunidades entre cidadáns españois! O momento das boas intencións, das promesas inútiles, das accións que só viven no papel quedou definitivamente atrás. Agora correspóndelle ao Goberno de España e aos Gobernos Autonómicos deseñar e desenvolver unha verdadeira estratexia a favor da España Baleirada con actuacións ben definidas, con orzamentos suficientes e prazos ben marcados e a salvo dos vaivéns políticos de carácter partidista.

Paramos para non parar. Calamos para que se nos oia mellor. Facemos nosas as palabras do poeta Antonio Machado: nós somos a voz da España da rabia e da idea. Somos a rabia serena dunha España baleirada, que se desangra ante o esquecemento e a indiferenza dos que debesen ser os seus principais valedores. Pero somos tamén a idea dunha España viva, esencial, de alma inconformista e brava que, farta de promesas incumpridas, pide a palabra e quere ser escoitada. Somos a aciñeira que abriga o abatido páramo, o carballo que non retrocede, o chopo que verdea as amables ribeiras, o piñeiral interminable que non maldí do silencio, somos, amigo Antonio, como o teu vello olmo crebado polo raio que ve renacer a esperanza dunha póla verdecida.

                       VIVA A REVOLTA DA ESPAÑA BALEIRADA!


                                                            C.D.R.   “O Viso”  ( A Limia)
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias