Infórmate > Noticias 

Noticias 

Magosto co alumnado do Ceip Rosalía de Castro
Compartir en Facebook Compartir en Twitter

14/11/2018 | Lodoselo

Andaina, xogos populares e baños de natureza... en boa compaña

1 de 2

http://www.kizoa.es/Editar-Vídeos-Movie-Maker/d230924869kP817585207o2l1/magosto-2018-do-ceip-rosala

Hoxe tivemos a sorte de podermos compartir unha xornada moi especial. O alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria, con motivo da celebración do magosto saímos a facer unha andaina por algunha zona da nosa comarca; este ano preparamos a de Couso ata Lodoselo, por Freixo. Ademais de dármonos unha boa dose de natureza para a vista, o oído, o olfacto, e o tacto (co río Limia á beira, colorido de outono, cogumelos, landras, toxos, musgo...) percorremos Couso, cruzamos Freixo e Lodoselo e comprobamos que os pobos teñen cada día menos xente. 

Nós hoxe coa sorte de termos en Lodoselo á xente da vivenda comunitaria, do centro de inclusión e a vecindade do pobo para pasarmos un pouquiño xuntos. E nada mellor que gozar dos xogos de sempre. Velaí están xogando á billarda, á porca, á ra, cos zancos, co tirachinas, co aro e a roucha... Pero tamén pescando botellas, competindo coas carreiras de tartarugas, cebando o porco (coas landras), etc. 

Sen esquecernos dos animais, porque alí estaba Néboa para escaparlle coa bola ós que estaban xogando á porca ou para ver se nos sobraba algo de empanada ou do bolo preñado; as ovellas atentas ó pan e ás castañas... E vimos cómo está a oca e algúns dos pitiños que naceran, a finais do pasado curso, na incubadora do Ceip.

Despois tocou tamén saborear os bolos preñados, a empanada, a bica e as castañas. Dicían que lles faltaba algo de sal!!!. Ocorre que Rubén é alemán; están facendo aquí un Servizo de Voluntariado Europeo. E Alberto... to@s sabemos que é de Lamas pero poucos coñecen o dato de que naceu en Alemaña. Así que podemos dicir que este ano o magosto tivo un "toque alemán". Moitas grazas a todas as persoas que fixeron posible esta xornada, en especial a estes dous cracks que nos prepararon unha fartura de castañas asadas (con sabor alemán).

Arquivada en:

Infórmate > Noticias

MATERIAIS RELACIONADOS
Enlaces
Noticias

Hosting por dinahosting.

banner

Boletín

Mantente informado/a

Recibe o noso boletín

Máis info