Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 30/09/2018 | 1

Extraordinaria xornada compartindo inquedanzas, estratexias, emocións...

Contribuíndo á construción doutro rural posible

29/09/2018 | Sarreaus

Non eramos moitos, entre corenta e cincoenta, os que nos demos cita na mañá deste último sábado de setembro no salón de actos da casa do Concello de Sarreaus convocados polos CDR(s) Portas Abertas e O Viso. Pero si se notou ó longo da xornada que se trataba de persoas, que na súa maioría, están a loitar por invertir a dinámica de despoboamento e abandono do medio rural. Persoas comprometidas que chegan a dicir que o futuro é onte, que o futuro do noso medio rural depende do que as persoas decidamos facer no presente.

Tras un primeiro momento de acollida, presentacións, saúdos, o Alcalde de Sarreaus tomou a palabra para abrir a xornada. A continuación a Presidenta de COCEDER e coordenadora de Portas Abertas, Tamara Balboa xa nos foi lembrando que cando os humanos desaparecemos do territorio as outras especies resíntense. Despois a intervención "de mestre" de Edelmiro López Iglesias profesor da USC que nos achegou unha diagnose da realidade, as bases para unha estratexia de futuro e algunhas propostas e cuestións para o debate que continuamos tamén durante o momento do café. Fíxose fincapé en que os problemas demográficos non son a orixe senón síntoma da debilidade socioeconómica, a demografía é unha expresión de factores socioeconómicos.

A segunda parte comezou coas achegas dos nosos amigos e veciños portugueses Antonio Montalvao e Davide Teixeira, un como secretario da ADRAT (Asociación para o Desenvolvemento da Rexión do Alto Támega) e outro como Vicepresidente da Cámara de Montalegre; valorizando as persoas, os territorios, a gobernanza. Reclamando que nos deixen facer; poñendo enriba da mesa a problemática da propiedade, o síndrome do contrabando (negocio rápido). Asegurando que o medio rural é capaz de ofrecer alternativa a toda a poboación que hoxe vive desasosegada.

Sería Juan Carlos Soto dinamizador rural en Argareal, Iniciativas Socioambientais e teniente alcalde dun pobo de Ávila con 28 habitantes o que nos explicara o funcionamento da Escola de alcalde de Castela e León; un axitador rural que di que non fan nada, que só botan unha man... Pero descubrimos que si logran romper estereotipos e crenzas tóxicas, que teñen unha técnica que funciona (a cebadaterapia), que os move o convencemento de que todo o que sexa emocionante funciona...

Rematamos as testemuñas con David e Ramón de Rebordechán, Crecente (Tempo da Aldea) e José M. Cófreces (ADR Montederramo e Castro Caldelas). Se os primeiros nos recordaron o seu convencemento de que a xente vaise do rural porque nos botan, que os que estamos en perigo de extinción no medio rural somos os que vivmos nel... o segundo (vallisoletano que "resucitou" Tronceda, Castro Caldelas) retomou o tema da economía para dicir que é unha ferramenta de transformación social. Que os que quedamos no rural estorbamos á economía de mercado e que hai outras economías alternativas; falouse da economía sumerxida e da economía do posible. 

Con bastante retraso fomos xantar xuntos a Lodoselo, no Centro de Inclusión, pero xa non tod@s... Estas persoas andan en mil batallas. Tivemos tempo, os que quedabamos, para degustar os licores de Alicornio e coñecer a aposta de Belén e Iñaki que como todos os que producimos produtos ligados ós territorio non só vendemos produtos, vendemos emocións. 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias