Noticias
Visita a Lodoselo dun grupo de Educación Social.
Un ano máis, tivemos a visita dun marabilloso grupo de futuros e futuras educadores e educadoras sociais en Lodoselo.
21/02/2018 | Lodoselo, Sarreaus
O luns tiveron unha benvida na cal Andrea e Tamara (educadoras sociais) explicáronlle os diferentes programas nos cales interveñen os/as educadores sociais no CDR "O Viso". Despois, puideron coñecer Lodoselo, a súa cultura, a súa historia e sobre todo, a amabilidade e humildade da súa xente, mediante un entretido xogo de pistas organizado por Alberto (educador social). Tamén desfrutaron dos xogos tradicionais e puideron coñecer a historia do CDR da man de Toño (portavoz e precursor do CDR).
Tras a cea preparada con moito cariño por Teresa e Maruja, que mellor maneira que rematar o día con gargalladas grazas a dúas veladas organizadas polas nosas educadoras.
O martes fixeron o pan no antigo forno do pobo, onde Angelita reveloulles o segredo para facer un bo pan. Tamén tiveron a oportunidade de coñecer a Virxinia e Arantza que presentaron "Creando Vínculo" e "Globus Natura", os seus traballos nos campos da educación canina, terapias asistidas con cans, problemas de conduta, obediencia, grupos de traballo, seminarios...
Para rematar a visita, nada mellor que marchar co bandullo cheo saboreando os "boliños preñados" co pan que eles/as mesmos/as fixeron.
Moitas grazas pola vosa visita! Ata pronto!
Arquivada en:
Infórmate > Noticias