Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 20/02/2018 | 1

Visita do Director Xeral de Inclusión ao CDR O Viso

No Día Mundial da Xustiza Social

20/02/2018 | Lodoselo

Dende o C.D.R. O Viso demos hoxe acollida ó Director Xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, D. Arturo Parrado, boa parte da xunta directiva, traballadores e traballadoras, participantes, voluntariado, o alcalde e a teniente alcalde de Sarreaus… A través dun percorrido cronolóxico polos principais centros que conforman o noso proxecto de desenvolvemento comunitario (Albergue do Pobo Escola, Forno comunal, Vivenda comunitaria e Centro de Inclusión), presentándolle as problemáticas actuais que nos afectan, o presente que nos lexitima e os retos do futuro aos que nos enfrontamos.

Neste día estvemos na Reitoral, polas rúas do pobo e no forno porque onte e hoxe, un ano máis, estaban aquí con Xosé M. Cid e o alumnado de Educación Social cos nosos Alberto, Tami e Andrea. Tamén Arantza e Virginia, de Chantada e Lugo, que presentaron "Creando Vínculo e Globus Natura"; os seus traballos nos campos de educación canina, terapias asistidas por cans, problemas de conduta, obediencia, grupos de traballo, seminarios... Despois de enfornar o pan seguimos o percorrido presentándolle algúns dos protagonistas desta aventura coma o persoal da Vivenda comunitaria que estaban neste momento, Mª José e Chafia.

No Centro de Inclusión coñeceu ó persoal de cociña (Miguel, Manola e Teresa), a Sara (fisioterapeuta), Cristina (terapeuta ocupacional), Saray (psicóloga), Sonia e Begoña e a Edi (traballador social) que, con Carmen (coordenadora) lle presentaron a carteira de servizos de proximidade e inclusión cos que contribuímos á mellora da calidade de vida, fundamentalmente, das persoas maiores e/ou dependentes; así como tamén doutras persoas en situación de vulnerabilidade.

Fixemos constar que somos un importante axente de cambio social na Comarca da Limia dando resposta ás necesidades dunha parte da poboación –as persoas maiores que precisan servizos sen seren desarraigadas- coas necesidades e potencialidades doutra parte; é dicir, as persoas desempregadas ás que facilitamos procesos de aprendizaxe a través de actuacións formativas ocupacionais e de prácticas laborais, naqueles perfís máis demandados na comarca –pondo énfase nos novos viveiros de emprego coma os servizos de proximidade- contribuíndo, ao mesmo tempo, á fixación de poboación. 

Para elo, agradeceuse a colaboración desta consellería e sostívose a necesidade de acadar o seu compromiso orzamentario para que poidamos manter o equipo de profesionais cos que contamos ante os retos que o futuro inmediato nos presenta, tales como, a incertidume xerada –a partires do ano que vén- polo reparto dos fondos do IRPF dende as Comunidades Autónomas.

Algunhas das problemáticas que lle expuxemos foron a ausencia, como categoría específica nas análises sociais, da exclusión territorial no artigo 3 da Lei 10/2013 de Inclusión Social de Galicia, sendo que no territorio da Comarca da Limia existe un importante despoboamento e dispersión poboacional, cunha perda progresiva de poboación, que sitúa a moitas persoas ante a encrucillada da exclusión social. 

En todo caso, e así llelo fixemos constar, os nosos agradecementos pola atención e axuda prestada dende a Dirección Xeral de Inclusión Social ao longo destes anos e a súa visita xa que entendemos que para tomar conciencia cómpre pisar o rural e poñer en valor o traballo feito.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias