Accesibilidad

Noticias 

Manifesto de Amig@s das árbores para a preservación do arborado da avenida de Celanova

Texto íntegro da lectura do manifesto pola supervivencia das árbores o pasado sábado

03/04/2017 | Xinzo de Limia

Amig@s das Árbores da Limia

MANIFESTO, en Xinzo da Limia, a 1 de abril de 2017:

Amigas/amigos, compañeiras/compañeiros, bo día a todas e todos.

As árbores son símbolo de vida en tódalas culturas da humanidade. As cidades, as aldeas, a sociedade no seu conxunto comeza a morrer cando morren as súas árbores. A desaparición inxustificada das árbores nas rúas, a corta polo pé das nosas amigas e das nosas protectoras, tanto na urbe como ao longo das estradas mostran, falla de sensibilidade, de incultura e deshumaniza as nosas vilas e cidades.

A cultura e as capacidades dos cidadáns refléxase no arborado do lugar en que viven e dos que son responsables dos seus coidados e da súa axeitada protección. Triste dicilo, mais triste aínda é observar como os responsables de facer cumprir as normas estragan o patrimonio natural con total impunidade. A destrución e o ataque ao arborado urbano é unha demostración máis de que estamos gobernados por ineptos e por especuladores. O "arborecido" convertido nunha práctica e nunha tradición cotiá.

O día 21 de marzo de 2017, coincidindo co “Día da árbore/Día Forestal Mundial” no que se intenta reflectir a necesidade de que as árbores acompañen as nosas vidas por todos os beneficios que aportan, atopámonos coas novas que recolle a prensa ese día: as obras que a Xunta de Galicia ten previsto realizar na estrada autonómica OU-531 dentro da trama urbana da vila de Xinzo de Limia no lugar coñecido como Avenida de Celanova; nelas dise: “suprimiranse as árbores porque restan visibilidade. Substitución do arborado por outro tipo de vexetación .....”

Sr. Alcalde do Concello de Xinzo da Limia, Sra. Conselleira da Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Sr. Presidente da Xunta de Galicia vostedes van a ser os culpables da destrución das árbores que hai na Avenida de Celanova (estrada autonómica OU-531) na súa trama urbana de Xinzo da Limia, única avenida arborada que nos queda na vila. Vostedes son os culpables de decapitar as mesmas árbores sen seguir ningún criterio dos sinalados nos manuais máis básicos de arboricultura. Sr. Alcalde, Sra. Conselleira, Sr. Presidente da Xunta de Galicia lembrámoslles que hai unha Carta de Barcelona que recolle os Dereitos das Árbores na Cidade (1995), que hai unha Declaración Europea da Árbore Ornamental (2013); que estas árbores teñen ademais de valor medio ambiental, sentimental e social un alto valor económico, recomendámoslle que lean a Norma Granada na que se establecen os criterios para a valoración das árbores ornamentais e as árbores que integran unha zona urbana. As árbores que vostedes pretenden cortar polo pé forman parte do patrimonio mundial da humanidade ao estar na Vía da Prata Camiño Mozárabe (primeiro Itinerario Cultural Europeo, protexido pola UNESCO e con Lei de protección propia "Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago"). Xa que vostedes incumpren as normas e a lexislación da que nos dotamos os humanos, alomenos debían seguir os consellos do guía espiritual da igrexa católica, aconsellámoslles que lean a encíclica do Papa Francisco "Laudato si" e que poñan en práctica o recollido na mesma.

Se o anterior non abonda, dámoslle outras sete razóns para protexer e coidar as árbores da Estrada do San Mateo-Avenida de Celanova de Xinzo da Limia:

1º. Axudan a mitigar a contaminación e melloran a saúde dos e das cidadáns

As árbores, ademais de mellorar a calidade do aire, mitigan a contaminación de aldeas e cidades e melloran a saúde das persoas.

O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) sinala ao traveso de varios estudos que a proximidade das árbores reduce a asma infantil, as alerxias e teñen efectos psicolóxicos e terapéuticos positivos.

2º. Axudan a aforrar enerxía

As cidades e vilas sofren o efecto "illa de calor", polo que aumenta a temperatura en varios graos. As árbores evaporan auga, dan sombra e regulan a temperatura na súa contorna, fan de muralla contra o vento e as correntes de aire...

3º. Revalorizan as vivendas as cidades e as poboacións

As vivendas con árbores na súa contorna ou na mesma propiedade aumentan entre un 10% e un 23% o seu valor económico.

4º. Combaten o efecto invernadoiro

As árbores atrapan o dióxido de carbono (CO2), o gas de efecto invernadoiro con maior impacto no cambio climático, calculase que 2.000 árbores poden atrapar ao ano 160 toneladas de CO2.

5º. Aumentan a biodiversidade local

As árbores son o fogar e alimento para numerosas especies de animais e vexetais. A biodiversidade e os beneficios que ela ofrece é maior cantos máis árbores, matogueiras e parques urbans e periurbans teña unha cidade ou poboación.

6º. Conservan a calidade da contorna

As árbores producen materia orgánica, as súas raíces incrementan a permeabilidade do solo. Reducen a corrente das augas, diminúen a erosión do solo e as sustancias químicas que van aos acuíferos e ríos.

7º. Melloran a nosa paisaxe e son exemplo de cultura

Son símbolo de vida en tódalas culturas, harmonizan a paisaxe. Son o contacto coa natureza dunha humanidade cada vez máis artificial e fuxida dos ecosistemas naturais.

Sr. Antonio Pérez (Alcalde de Xinzo da Limia), Sra. Ethel Vázquez (Conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Sr. Alberto Núñez Feijoo (Presidente da Xunta de Galicia), os veciños e veciñas de Xinzo da Limia solicitamos e esiximos:

1º A conservación e protección das árbores da Avenida de Celanova (estrada OU-531) única avenida que nos queda con árbores na vila de Xinzo da Limia, polo seu alto valor paisaxístico, patrimonial e a súa singularidade.

2º Un deseño da trama urbana da Avenida de Celanova que compatibilice a mellora, tan necesaria, desa vía pública, coa preservación do arborado e a humanización da mesma.

3º Que as podas e tratamentos as árbores sexan realizados seguindo os criterios recollidos nos tratados de arboricultura. Non máis decapitacións nin danos evitables as árbores.

"Se perdemos as árbores perdémolo todo"

Hoxe na Avenida de Celanova de Xinzo da Limia plantamos ao pé da estrada deste treito do Camiño de Santiago (un acivro, un carballo, un bidueiro, un loureiro e un freixo) como contribución a biodiversidade da vila e como "símbolos de vida" que son.

"Nin ás árbores poden vivir sen terra, nin a Terra pode vivir sen árbores" J.Saramago

LONGA VIDA ÁS ÁRBORES DA AVENIDA DE CELANOVA!!!!!

Xinzo da Limia, 1 de abril de 2017

Antela Penalonga

Arquivada en:
Infórmate > Noticias