Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 13/10/2016 | Cristalina

A túa outra casa, a vivenda comunitaria do CDR, en Sermos Galiza

Compartir vivenda na época dourada, é o título do artigo.

13/10/2016 | Lodoselo

Na Galiza a filosofía da covivenda para persoas maiores aínda non se espallou, mais existen iniciativas como “A túa outra casa”, do CDR O Viso, que representa unha alternativa de continuidade á vivenda habitual e un modelo diferente ao das residencias. Eis un extracto da reportaxe que publicamos no Sermos Galiza 217, que xa está dispoñíbel na loxa.

Adela, nome suposto, dorme soa aos seus 96 anos. Faino na vivenda comunitaria que o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso abriu en Lodoselo en 2002. “Si, estou contenta vivindo aquí, e ademais a memoria vaime moi ben”, respóndelle a Sermos Galiza. Cada día trata de se erguer ás 07.30h para estirar ao máximo o día. Válese por si mesma, como moitas das persoas que viven neste fogar alternativo. Aséase e volta para a cama até que é hora de se vestir para acudir á cita co almorzo e as pastillas. Vístese soa, coa roupa que ela mesma elixe. É de esquerdas. Le os xornais, segue a actualidade na televisión e gosta de programas de entretemento [“fíxate na Makoke”, escoito que lle di a compañeira]. Mais non só. Tamén pasa o seu tempo libre facendo contas: sumas, restas, divisións e multiplicacións e tense desprazado a Xinzo cun taxista que ten de man. Recibe visitas e tamén chamadas.

Persoas como Adela forman parte do proxecto impulsado polo CDR O Viso, do que Antonio R. Corbal, “Toño”, é a cara visíbel. En declaracións a Sermos Galiza, insiste en que o CDR non é el. A humildade caracterízao. “O mérito non é meu, nin moito menos, é algo comunitario”. E salienta que o CDR “é de quen participa e das persoas que hoxe viven alí”. Trata de lle restar relevancia ao labor que desenvolven, “cousiñas bonitas, como esta, hainas en moitos sitios!”. Mais non é así. O proxecto do CDR O Viso posúe múltiples perspectivas: centro de inclusión, vivenda comunal, programa de emerxencia social, servizos no domicilio, área de formación e información, voluntariado, área educativo-ambiental, servizos de proximidade... “É un conxunto de cuestións que cumpren a misión de converter a necesidade en potencialidade. Esta máxima guiounos sempre, como a utopía realizábel: o que é necesario, é posíbel”, afirma.

“A túa outra casa”

Dentro da necesidade á que apela Toño, o CDR apostou en promover un modelo de vida alternativo para as persoas maiores que conflúe na iniciativa “A túa outra casa”. “Se algo temos presente é a relación afectiva das persoas coas cousas e coa memoria do que foi a súa vida. Normalmente, cando unha persoa maior non pode seguir no seu fogar, no seu medio, é levada polos fillos ben para a súa casa ou ben para unha macro residencia que corta con todo o que foi a vida desa persoa”, explica. “A xente que se vale por si mesma ten que estar na súa casa, porque se sacas unha persoa da terceira idade do seu medio de vida, estás arrincando un carballo maior da súa terra e iso mátaa”, engade, “as persoas que viven aquí e as que veñen comer e practicaren actividades, sempre nos din: “lonxe de aquí [do seu medio] non somos”.

[A reportaxe íntegra está xa dispoñíbel na loxa]

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
O noso traballo > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > B. Área de Atención á Comunidade: Servizos de Proximidade > B.1 - Vivenda Comunitaria