Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 07/09/2016 | 1

Participamos en Son d´Aldea 2016

O 2 e 3 de setembro

07/09/2016 | Albá. Palas de Rei (Lugo)

Son d’Aldea é unha actividade dinamizadora da cultura rural que procura amosala, proxectala e dignificala a través dunha xornada de participación activa das persoas que se acheguen a Albá (Palas de Rei, Comarca da Ulloa) nesa xornada festiva.Trátase dunha aproximación ás coordenadas sociais e culturais do rural no pasado, e dunha reflexión sobre novas vías de ruralidade no presente.
 

Tivemos a sorte de que contaran con nós para a mesa do venres sobre Educación e Desenvolvemento Rural e compartir mesa coa Prof. Dra.  Julia Varela (Catedrática de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid) e o Prof. Dr. Américo Nunes Peres (Catedrático de Educación da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro – Portugal), cuns moderadores de luxo. como Santiago Prado (Universidad Internacional de La Rioja – España) e Xerardo Pereiro (Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, – CETRAD- Portugal) e con participantes tan "militantes" do medio rural, temos que dicir que foi un "chute" de sentidas emocións. Gozamos a continuación do espectáculo co que nos agasallou Pepe Penabade e como non, dunha cea con produtos da aldea.    

O sábado como dicían na invitación viaxamos no tempo, devagar, imaxes, lugares, persoas, e soou a voz, o son dos anos corenta, cincuenta... do século pasado. Mergullámonos nun remuíño de sensacións agudas e certas, gozando polos diferentes escenarios: A PEDIDA, A PANILLADA, A AMA, AS CRIADAS, CARA O MUÍÑO, O CURANDEIRO, OS MARANTES E OS VARELAS, OS BOCADOS, CAMIÑO DO ALBOROQUE, A SEGA DO TRIGO, AS DEZ, A CASETEIRA, O SENTIR DOS NENOS, AS COSTUREIRAS, O XUÍZO e O AUTOBÚS. Dezaseis escenarios para esmorecer e extraviar o mundo de hoxe. Dezaseis escenarios construídos con agarimo e sensibilidade, con dedicación, esforzo e tempo, con risas, ánimo e nervios. Veciños de Albá e Santo Xusto, persoas chegadas de Arzúa, Compostela, Borneiro, Laxe, Taboada, Chantada…, todos eles recrearon este mundo único, íntimo, o mundo da aldea, un día enteiro de vivencia aldeá, de amor polo que somos.

Participando propiciamos a recuperación e posta en valor de espazos, lendas, historias verdadeiras que aconteceron, vocabulario esquecido, cancións, contos, espíritos que vagan polos camiños…. Participando favorecemos a interacción e o contacto entre as persoas destas aldeas, aldeas de Galiza, o coñecemento dos costumes, das crenzas, da verdadeira historia e vida dos heroes e heroínas anónimos polas que a miúdo foron desairados, e ata desprezados e tidos en menos. 

O que nos amosaron é froito de máis de cen persoas ao longo de varios meses de reunións e ensaios, é froito dun inxente esforzo e tempo consciente dedicado. Máis de cen persoas, coordinadas, aportando o que cada unha pode e como mellor sabe, todas con enorme ilusión.

E o domingo aínda nos agasallou o Luis a un pequeno grupo que alí quedamos, cunha visita guiada por Arqueixal. Que grande! Moitísimas grazas!!!!!

Arquivada en:
Infórmate > Noticias