Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 01/07/2016 | 1

Redistribución dos recursos para aquelas persoas máis necesitadas.

Reparto de produtos básicos de alimentación, hixiene e bombonas de gas. Xuño 

01/07/2016 | A Limia

Neste mes de xuño o reparto de produtos básicos de alimentación, hixiene e bombonas de gas tivo lugar o mércores 29. Prestouse apoio a 25 familias, máis de 90 persoas da  comarca. Previamente, o martes 28 desprazámonos ata o Centro de Inclusión de Lodoselo a organizar o reparto. Os almacéns do centro contiñan moita e variada alimentación, logo da inxección da Gala Solidaria de Fusión Fitness, S.L. onde recollemos máis de 1.000 kg. contribuíndo así como organización non gobernamental á redistribución dos recursos para aquelas persoas máis necesitadas.

É de salientar a participación voluntaria de persoas que apoian a iniciativa e contribúen ao ben común. Séntense partícipes coa causa solidaria e dánse conta do traballo organizado e cooperativo que supón atoparse unha caixa de alimentos na Praza de Abastos de Xinzo de Limia –todo elo salvagardando a confidencialidade das persoas/familias perceptoras-. Recentemente, até se ofrecen persoas voluntarias a buscar alimentación non perecedoira e froita ao Banco de Alimentos de Ourense, aboándolle os correspondentes gastos de desprazamento por unha aportación voluntaria.

Pártese dunha abordaxe inclusiva facendo fincapé nas capacidades e potencialidades das persoas para participaren no seu propio desenvolvemento, de aí que concibamos ao paquete mensual de alimentos coma un medio para afrontar as súas necesidades básicas e, ao tempo, buscar emprego, formarse, agardar polo trámite dunha prestación social pública –naquelas intervencións de prevención de riscos-, etc. Se ben é certo que o rural presenta poucas oportunidades de se empregaren, a formación é escasa, e a que hai soe ser privada…

Desde o C.D.R. e a través dos servizos de proximidade que se desenvolven respóndese ás necesidades manifestas de poboación maior que precisa dunha bandexa de alimentación no seu domicilio e, ás veces, tamén ás necesidades latentes conectando ás persoas demandantes –ás que formamos e capacitamos a través de itinerarios de inclusión- coas familiares das persoas maiores cando nos solicitan persoas coidadoras.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias