Accesibilidad

Noticias 

© CDR "O Viso" | 14/06/2022 | Cartel

A sabedoría dos coidados das mulleres

Obradoiro impartido por Rocío Océano. 27 de Xuño.

14/06/2022 | Lodoselo

Imos aproveitar a entrada do verán para ofrecer un obradoiro ben fermoso que demos en chamar: “A sabedoría dos coidados das mulleres”, dirixido ás mulleres da nosa comarca, no albergue do CDR O VISO, en Lodoselo, o próximo 27 de xuño. Un recoñecemento, un presente, unha lembranza; porque cómpre que nos coidemos. Será a partir das 10 da mañá e con xantar incluído.

A persoa encargada de levalo a cabo será a Rocío Océano, extremeña de nacemento e acollida polas veciñas terras do Bierzo. Formouse en enfermería e podoloxía, arte dramático, medicina integral, terapia do Son Terapéutico, é doula certificada e asesora de lactancia, formada en partería tradicional e medicina holística, entre outras moitas relacionadas coa saúde emocional, sexual e procesos vitais femininos. Leva máis de 20 anos acompañando terapeuticamente a moitas persoas, dando o que ela sempre quixo recibir. Como mellor presentación do que vai pasar na xornada, reproducimos as súas propias palabras:

“Teño a super sorte de facilitar un Obradoiro que chamamos A Sabedoría dos coidados das Mulleres. Dirixido principalmente a mulleres do rural e para o rural, mulleres da terra, mulleres de lume e auga, mulleres que coidan e que aprenden, á par, a coidárense. Teño esta súper sorte, como digo, porque que se invista institucionalmente en promover isto é MARABILLOSO, e aínda mellor que lles chegue, se anoten e o gocen. Mulleres ourensás e do contorno, o luns 27 teremos un intensivo, reflexivo e experiencial sobre a sabedoría dos Coidados das Mulleres. Porque todo isto ten un sentido cando lle damos o valor que merecen as mans entregadas ás Mulleres.”

Vai ser fermoso. Se estás interesada anótate no CDR O VISO- CIX da Limia, Rúa Ladeira 21 en Xinzo de Limia, ou chamando ó 988461571.

Esta actividade está financiada pola Fundación Espadaña e pola consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia a través da subvención con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto dobre a renda das persoas físicas. É por isto que queremos agradecer a todas cantas persoas marcastes a X Solidaria na declaración da renda facendo posible continuar co noso traballo.

Arquivada en:
Infórmate > Axenda de Actividades