Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 31/08/2021 |

Acaba agosto e con el remata o noso programa Concilia de Verán

No día internacional da solidariedade: grazas

31/08/2021 | Lodoselo

Chegou o 31 de agosto - o Día Internacional da Solidariedade en honra ó movemento social polaco Solidariedade - e con el o remate do noso programa Concilia de Verán 2021. Foron 2 meses de emocións, aventuras, novas aprendizaxes, reencontros... pero hoxe tocou desperdirse. En primeiro lugar, queremos dar as grazas a todas e cada unha das familias que confiaron en nós un ano máis. Non podemos esquecernos de Pili e Eloi que cada martes nos acollían na nosa horta comunitaria e que grazas a eles aprendemos cousiñas sobre a agricultura ecolóxica (fixemos a malla de garabullos e garavanzos; preparamos o ungüento con hipérico - eficaz para as queimaduras e picaduras -; lembramos a tradición que nos di como a lúa vai marcando a recollida das sementes...). 

Agradecer tamén a Darío, Rosa e Paco de Lodoselo por contarnos todas as tarefas que realizan cada día no Ribeiriño, a súa granxa de vacas leiteiras. Tampouco podemos esquecernos da axuda que tivemos durante estes dous meses por parte de Alexia, Estela, Loli, Yibela e Aya, xa que foron un apoio fundamental ao longo deste tempo.

E por último, e non menos importante, temos que facer unha mención especial aos nosos maiores tanto da vivenda comunitaria "A túa outra casa" como os que acoden ao Centro de Inclusión, xa que sen dúbida foron claros protagonistas durante o Concilia. As crianzas do Concilia Verán dende o primeiro momento crearon fortes vínculos coas nosas persoas maiores; proba disto é o Manuel preguntando polo seu amigo Miguel; o Inocencio abraiado ante o cariño que recibía tódalas mañás; a Asunción preguntando pola súa nena (Ariadna)... e unha morea de momentos que van quedar gravados na memoria tanto duns como dos outros.

Faciamos referencia ó movemento social polaco Solidariedade neste 31 de agosto. Este movemento foi un dos tantos responsables da caída do muro de Berlín e seguimos animados a derrubar tantos muros... É máis, un dos seus dirixentes,  Lech  Walesa, foi consagrado co Premio Nobel da Paz grazas a que promoveu os ideais da solidariedade non só no seu país de orixe senón por todo o planeta. 

O propósito deste día, 31 de agosto, baséase nun principio básico que é o da axuda mutua ou o ser solidarios coas outras persoas. Segundo o mesmo Walesa, só na medida en que todas nos axudemos e traballemos por unha causa común que proporcione o maior benestar a todas, nesa mesma medida viviremos nun mundo moito máis pacífico, enriquecedor e próspero para cada nación, pobo ou individuo.
Realmente celebrar este día é bastante sinxelo, só basta con interesarse un pouco nas persoas da contorna e contribuír con algunha actividade que brinde unha solución ás súas necesidades. Sen perder de vista o esencial:  que toda actividade debe reflectir un espírito solidario propiciado polo desexo do ben común. Ese foi o espírito que nos alentou cada día na realización deste Concilia.

MOITÍSIMAS GRAZAS A TODAS E TODOS POR FACER ISTO POSIBLE!

VOLTAREMOS O ANO QUE VEN.

 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias