Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 06/08/2015 | Sra. Ricarda

Morreu a Sra. Ricarda

Ós 102 anos. Levaba 13 anos na súa outra casa.

06/08/2015

Na escola lera algo diso. Lera que os ríos van dar ó mar, e da mesma maneira, con igual présa, nós alancamos cara á morte. De pensalo ben, dan ganas de chorar.

Voltei mirar para o río e a comparalo coa vida. Coa vida de todos. A da xente que facía a labra; a dos que estaban lonxe, ou navegando, ou inda non naceran. ¡Que procesión inmensa é o mundo! Que feira, onde a todas horas chegan uns e outros vanse.

¡Que rebumbio! Dá gusto ver como todos os veciños axudan. A morte é coma un vencello cordial. Diante dela sentímonos irmáns. E os que non se falaban, fálanse e axudan cando hai defunto.

Horas de «padrenuestros» chorosos, de xente amiga que nos viña dar o «pésame», coas mans entaleciclas e a canseira da labra debuxada no rostro. Eran futuros cadáveres. «Hoxe por min e mañá por ti», como di o outro. Non se sabe a quen lle tocará despois. A morte non avisa nin escolle. Quen caia caeu, e abur. O padriño, casualmente o padriño, que ás veces semellaba un sabio, dicíame que comezamos a morrer o día que vimos ó mundo, e morremos un chisco cada hora, cada posta de sol… ¡Que cousa!

Coma na véspera, quedeime a cavilar, na soidade do meu cuarto. Pensei nos desacougos da xente; na teima da súa loita para xuntar diñeiro, mercar terras, pasar fame hoxe con mentes de fartarse mañá, e ó mellor ese mañá non chega, ou sorpréndeos debaixo dos terróns, mantendo vermes.

¡Se puidese entender moitas cousas! Ou falar tan sequera delas; contarlles ós demais as miñas cavilacións. Pero xa o teño feito e rínseme. E a min dóeme. Dóeme que a xente ande polo mundo como andan as vacas e os burros: procurando soamente o pesebre.

Xosé Neira Vilas: "Memorias dun neno labrego".

http://memoriasnenolabrego.pressbooks.com/chapter/a-morte/

Arquivada en:
Infórmate > Noticias