Infórmate > Noticias 

Noticias 

O programa Biocoidados en fase de implementación
Compartir en Facebook Compartir en Twitter

13/08/2022 | A Limia

Traballando xa con 50 das 60 personas participantes

1 de 4

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, que participa no Programa “Biocoidados: novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, en contornas rurais”, está traballando xa con 50 das 60 persoas que se beneficiarán do mesmo. O Programa está financiado con fondos Next Generation, coordinado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e executado pola Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (COCEDER) e os CDR que conforman a confederación; como é o caso do CDR O Viso na comarca da Limia. Este programa caracterízase polo seu carácter piloto e a súa marcada identidade experimental.
As persoas cara as que o programa está orientado teñen que compartir certos elementos relacionados cos tres piares do programa: desenvolvemento no rural, prevención da institucionalización ou promoción da desinstitucionalización. Deste xeito, no programa poden participar persoas maiores de 65 anos, nenos, nenas, mozos e mozas en situación de risco de exclusión, persoas que teñan cursado procesos de adicción, persoas sen fogar e sen recursos en xeral. Biocoidados tamén está pensado para persoas con patoloxías físicas ou psiquiátricas e para persoas con diversidade funcional.
O Programa Biocoidados está ideado para que as persoas que viven no rural, e que, por diversas razóns que xa apuntamos, poidan verse nunha situación de potencial institucionalización, poidan seguir vivindo na súa casa porque “como a casa dun non hai” e a meirande parte da xente quere vivir no seu fogar. Da mesma forma, o Programa está deseñado para que se produzan propostas de desinstitucionalización. Este percorrido enmárcase na proposta do Ministerio de Dereitos Sociais e na Axenda 2030 e segue a coherencia dun senso que se centra na persoa, nas súas necesidades e nos seus desexos.
Desta forma, o traballo coa xente é orgánico e caracterízase por un percorrido ben definido por unha serie de pasos metodolóxicos que van a afluír á proposta dun Plan de Vida individualizado e persoal para cada unhas das persoas beneficiarias. Comezamos, unha vez que se ten explicado o Proxecto e a persoa ten aceptado participar, cunha ampla acción de recolleita de información sobre a vida das persoas beneficiarias. Con esta acción a xente ponse en contacto consigo mesma e resúltalle moito máis doado aproveitar os seguintes pasos porque non é tan doado, ás veces, saber o que un desexa. Cando xa se coñece á xente convídaselle a pór en valor aquelas parcelas da súa vida que no tempo presente máis lle gustaría desenvolver, coma por exemplo o ocio e o tempo de lecer, a espiritualidade, a saúde, a comunidade e voluntariado a familia ou o crecemento persoal e a educación. Logo xa chega o momento de elaborar o Plan de Vida con cada persoa beneficiaria no que se dispoñen as accións necesarias para levar a cabo o Plan acordado. As posibilidades son enormes xa que non se trata dun servizo ofertado dun xeito habitual nin definido por baremos preestablecidos: trátase de axudar ás persoas a conseguir satisfacer as necesidades que presentan, sempre tendo en conta os piares do Programa e o seu carácter experimental.
Deste xeito é un programa que non ten custos para as persoas participantes que precisan dun servizo intrinsecamente relacionado co Plan de Vida que crearon cando esa necesidade sexa económica e poda ser asumida polo programa; en cambio, existen outras necesidades que non precisan do económico e si de asesoramento. Neste senso, o equipo de Biocoidados está formado por un grupo transdisciplinar con diversos perfiles no eido do social. Finalmente indicar que o programa non ten como obxectivo duplicar ou substituír os servizos coñecidos como “axuda no fogar”, e que a atención que unha persoa precisa pode ser moi diversa e complexamente específica. Seguindo esta coherencia, xa está implementado o servizo “Fica no fogar” que conta coa figura das Compañeiras de Fogar que fan un traballo de asistencia persoal con algunhas das persoas beneficiarias. Este traballo consiste en asistir persoalmente no desenvolvemento dos desexos que a xente que participa quere levar a cabo; por exemplo, estar máis tempo acompañada ou cousas sinxelas como acompañar á persoa a facer a merca de produtos para a semana. Ademais, estase a deseñar un servizo de atención 24 horas e outro servizo de convivencia con persoas beneficiarias no seu fogar. Esta última proposta consiste en poñer en contacto a xente que podería sufrir un proceso de institucionalización e que quere compartir a súa casa con alguén que a necesite coa intención de non vivir en soidade e solucionar un problema de vivenda. Finalmente, o proxecto tamén contempla facer algunha adaptación nas vivendas das persoas beneficiarias de Biocoidados.

Arquivada en:

Infórmate > Noticias

MATERIAIS RELACIONADOS
Noticias

Hosting por

Radio Lodoselo

banner

 

        

Boletín
 

 

Mantente informado/a

 

Recibe o noso boletín

Máis info

Acepto a política de privacidade. FUN INFORMADO, ENTENDO E AUTORIZO O TRATAMENTO DE DATOS PERSOAIS

 

 

aceptacookies