Infórmate > Noticias 

Noticias 

Sinerxía, traballo en equipo
Compartir en Facebook Compartir en Twitter

21/10/2021 | Lodoselo

Cando un e dous fan máis ca tres

1 de 1

A acción conxunta incrementa os resultados. E sobre todo vivir ese proceso xuntos enriquece a nosa vida. Nisto seguimos: organizándonos as persoas, as entidades... na procura dunha actuación conxunta que nos permite valorizar a forza da comunidade.

Uns terreos no Liñón, uns soutos de castiñeiros, cando pouco con algúns centos de anos; uns propietarios que por iniciativa propia ou porque llelo pedimos nolos deixan (Antonio e Lola, Isabel e Manolo, Josefa e Rosa Mari); profesorado dos IES de Xinzo (neste caso do IES Cidade de Antioquía); alumnado de 2º do Ciclo Medio de Aproveitamentos do Medio Natural e o empeño do CDR O Viso, a educación como compromiso co territorio, a aposta pola aprendizaxe - servizo están a posibilitar este exemplo de sinerxía: A recuperación dun Souto antigo para aproveitamento comunitario, a reintegración de sistemas alimentarios agroecolóxicos con impacto socioeconómico.

É un espazo, que noutrora, segundo nos contan, era considerada unha moi boa terra, útil, rendible e explotable segundo unha economía circular, que aproveitando os recursos do entorno formaban parte dunha paisaxe agraria rural, exemplo de biodiversidade. Hoxe no que se dá en chamar a Galiza baleirada, as dificultades de seguir mantendo estes ecosistemas agro-gandeiros tradicionais, porque os autores e autoras ou non están ou xa teñen unha idade, levan a que estea chea de herbas, xestas, silvas, carqueixa, fentos... porque a Natureza, apréndenos o Tomás, no que en ecoloxía se denomina sucesión secundaria, intenta  volver a un equilibrio do medio. Dentro das etapas polas que ten que pasar, proceso moi lento, inicialmente vainos dar un espazo herbáceo  ou de mato, esa maleza, que nunca ardería por si mesma, pero que a converten nunha arma propicia para que algúns incendiarios a empreguen como combustible. Así que esta situación é para nós unha oportunidade de conxuntamente recuperalo, como pasteiro, aproveitamento das castañas, cogomelos e mesmo lugar para pasear e realzar así o noso patrimonio natural e cultural; un traballo dende a nosa Área Educativa-Ambiental e promoción das contornas rurais, a Agro-gandaría, o mantemento da diversidade e a paisaxe.

Por diante temos o de seguir mellorando isto con outras actuacións: mantemento deste espazo, valoración do estado fitosanitario dos castiñeiros para realizar traballos de recuperación, renovación ou rexuvenecemento e mellorar a súa saúde e a súa produtividade, contribuír dende o noso enfoque de traballo social que algunhas familias beneficiarias dos nosos programas de atención a necesidades urxentes revertan á comunidade o apoio prestado traballando aquí e mesmo obteñan un pequeno ingreso froito do seu traballo; tamén o seguir desmontando esas crenzas que tanto se oen de que a xente moza non traballa, de que o profesorado non está implicado... Aquí unha evidencia: por aquí pasaron o Gerardo e o Breogán, o Iago, o Ferro, o Álex, o Fabián, o Alejandro, o Marcos, a Carmen, o Tomás, o Toño e velaquí tedes unha proba máis para visibilizar a forza da comunidade organizada. Moitas grazas.

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d371549473k5792079o2l1/O Liñón. Outubro2021

Arquivada en:

Infórmate > Noticias

MATERIAIS RELACIONADOS
Enlaces
Noticias

Hosting por

Radio Lodoselo

banner

 

        

Boletín
 

 

Mantente informado/a

 

Recibe o noso boletín

Máis info

Acepto a política de privacidade. FUN INFORMADO, ENTENDO E AUTORIZO O TRATAMENTO DE DATOS PERSOAIS

 

 

aceptacookies