Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 13/11/2017 | 1

O noso tear canta coa alegría de verse cunha tea nova

Grazas a Carlos e Manuel

13/11/2017 | Lodoselo

O venres 10 e o sábado 11 de novembro tivemos en Lodoselo a Carlos Díaz e Manuel Otero de Panosdaquí Tecido tradicional. Carlos e Manuel xa tiñan estado no CDR noutras ocasións. Como educadores de tempo libre, en cursos de formación, co alumnado... Son profesores. Pero tamén axundando na montaxe do tear. Carlos xa o fixera hai unha chea de anos con Victoria e as mulleres de Parada de Outeiro con Miguel Fdez. Grande. 

Unha das actividades que ofrecemos no Pobo escola é o fiadeiro; aquí os grupos dependendo do tempo que lle queiran dedicar a esta actividade aprendemos o proceso do liño e a la. Podemos tecer algo nos bastidores e mesmo no tear; tamén tinguir, fiar... E o tear estaba pedindo unha posta a punto. Así que agora, como voluntarios do CDR O Viso, estes dous artistas estiveron cambiando a tea; poñendo en marcha este tear que grazas a Cándido e Cristalina temos nas dependencias da Reitoral de Lodoselo. Di D. Elixio Rivas que deica a revolución industrial o tear foi, sen dúbida, o aparello, a máquina máis complicada entre nós.  

Todo un mundo que podedes ver na web de panosdaqui https://panosdaqui.wordpress.com/author/panosdaqui/  ou ben no facebook https://www.facebook.com/search/top/?q=panosdaqui onde contan moitas cousas de interese referidas ao tecido tradicional. Tamén ço que fixeron estes dous días en Lodoselo

"Na posta a punto dun tear antigo a maiores das tarefas que implica a tea en si, tamén hai que repoñer ou recuperar algunhas pezas. Seguindo as técnicas tradicionais, todo se fai na casa, con materiais da contorna. Torcer e encerar fios para facer as cordas dos lizos e premedeiras é un exemplo. Viva antes!"

Así que xa o sabedes, se queredes gozar desta actividade, escoitar en directo o seu trequeleo, a merenda de paus deste tear non deixedes de darvos unha volta por aquí. E atentos porque estamos preparando unha xornada de formación para todas aquelas persoas que teñan interese nesta temática e contaremos con Carlos e Manuel para iso. Moitísimas grazas ós dous mestres teceláns por manter viva con tanto cariño esta cultura arredor dos teares, tecidos... que se está a perder. 

Arquivada en: