Accesibilidad

Noticias 

A paisaxe tamén é a Memoria da Humanidade

Participamos nas xornadas internacionais da paisaxe

13/09/2022 | Monterrei

O venres e sábado pasados, 9 e 10 de setembro, participamos nunhas xornadas internacionais da paisaxe en Monterrei organizadas pola Fundacion Juana de Vega. Dous días en moi boa compaña para percibir, vivenciar, reflexionar, aprender sobre a paisaxe na contorna da Vía da Prata.

Moi ben deseñadas e provistos de materias (fichas sensoriais, cuestionarios de percepción) recorremos -a pé e en autobús- espazos humanizados (algúns tenazmente) e analizamos cinco escenas paisaxistas coa axuda da xente do territorio. A Fortaleza de Monterrei, a ribeira do Támega, o núcleo de Verín, o canón da Armada e unha bodega (Gargalo) e o viñedo. Valores estéticos, ambientais, culturais, funcionais, emocionais. Porque a paisaxe transmite valores e a percepción varía en función da información previa, dos coñecementos que teñamos. E, si, claro, a paisaxe é a Memoria da Humanidade. 
Unha paisaxe é unha realidade física que percibimos e a percepción depende da nosa mirada. Unha mirada que está condicionada pola cultura, formación, ambiente… Debemos valorar a paisaxe só desde o punto de vista estético ou debemos entender outros beneficios da mesma? Esta é a pregunta da que partimos. E a partir de aquí fluíron palabras conectadas: estética, ética, identidade, coñecemento, emoción, sensibilidade, intervención, valores, perspectiva ecosistémica…
Segundo o Convenio Europeo da Paisaxe (CEP), unha paisaxe é “unha compoñente esencial do medio no que viven as poboacións, expresión da diversidade do seu patrimonio común cultural, ecolóxico, social e económico e, ao mesmo tempo, fundamento da súa identidade". (Consello de Europa, 2000). O propio CEP destaca que as paisaxes non só inclúen aquelas de gran valor estético, senón tamén as cotiás, as próximos, nas que vivimos e nos desenvolvemos. No CDR O Viso traballamos esta liña, a da agro-gandaría, mantemento da diversidade e a paisaxe dentro da área educativa- ambiental.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias