Infórmate > Noticias 

Noticias 

As xornadas de Traballo Social conclúen con éxito
Compartir en Facebook Compartir en Twitter

12/11/2017

En Lodoselo (Sarreaus)

1 de 10

Das Xornadas de Traballo Social de Becerreá, no mes de setembro, naceu a organización destas xornadas nas que dende o C.D.R. “O Viso” demos acollida e manutención ao grupo.

O venres pola tarde foron chegando os traballadores e as traballadoras sociais tanto da nosa comunidade autónoma coma unha moza que veu dende Salamanca.

O venres houbo algunha actividade como o “scape room” de Alejandro R. Robledillo e a convivencia entre as persoas participantes que viñeron a durmir.

Xa o sábado a primeira das mesas foi sobre emprendemento social e exercicio libre da profesión. En primeiro lugar falou Sergio Palmer; presentounos a situación do emprendemento en Traballo Social en España e a súa consultoría social “Palmer Social” no Barco de Valdeorras. A continuación seguiulle María Soliño coa súa empresa “Quorum” de mediación e responsabilidade social corporativa –achegándonos unha área novidosa que, sen dúbida, pode ser un dos novos nichos de emprego- e, por último, Vanesa Blanco presentounos “Intégra-T” a empresa dende a que traballa en exercicio libre en Ourense.

A seguinte das ponencias foi a cargo do traballador social, escritor e showman Alejandro R. Robledillo que nos presentou as súas vivencias de traballador social no Servizo de Axuda no Fogar en pobos do interior de Lugo. Previo á comida, deuse un debate sobre as carencias, demandas e necesidades que detectamos na coordinación entre profesionais que exercemos dende distintos entes sociais e como dar as claves para unha abordaxe máis integrada das problemáticas sociais.

Pola tarde participamos nunha interesantísima conferencia de María Tamame que veu dende Salamanca a presentarnos a súa experiencia de emprendemento, “Edukas” Centro Psicosocial, dende a que fai psicoterapia para diferentes grupos de idade entre outros servizos. Neste caso foi un obradoiro sobre comunicación e como aprender a vendernos e comercializar mellor a nosa marca.

Finalmente, como non podía ser doutro xeito, concluímos cun magosto no Albergue de Lodoselo, onde tiveron lugar as xornadas.

É de destacar a boa convivencia xerada entre participantes; “facer colexio” e “facer profesión” a través deste tipo de eventos demostra a responsabilidade e o compromiso dunha profesión, que como outras, está obrigada e reinventarse para previr o seu esmorecemento. Sen dúbida que ver a mocidade profesional tan comprometida é un alento para o noso futuro inmediato.
 

Arquivada en:

Infórmate > Noticias

MATERIAIS RELACIONADOS
Noticias

Hosting por dinahosting.

banner

Boletín

Mantente informado/a

Recibe o noso boletín

Máis info