Noticias
© CDR Portas Abertas | 30/09/2019 | Cartel
Xornada sobre o despoboamento o pasado venres en Verín organizada polos CDRs
Coa participación de Francisco Sineiro
30/09/2019 | Verín
O pasado 27 de setembro máis de medio cento de persoas participamos na xornada organizada polos CDRs Portas Abertas e O Visona que Francisco Sineiro fixo unha interesantísma análise do despoboamento no rural galego. Francisco Sineiro, presentado no acto polo actual alcalde de Verín, foi Conselleiro de Agricultura, Gandaría e Montes da Xunta de Galicia e profesor Titular do Departamento de Economía Aplicada da USC.
Partindo na análise das causas remotas (emigración selectiva) os datos din que Galicia leva máis de 10 anos perdendo poboación; aínda que as zonas urbanas a manteñen e as intermedias ganaron poboación, as zonas rurais levan perdido entre un 19 e un 28%. Achegou moitos datos da comarca de Monterrei tamén a nivel económico; salientar que salvo o progreso do apartado do viño a actividade agraria está moi por debaixo do seu potencial. A magnitude do declive: hai menos de dúas explotacións por Quilómetro cadrado.
Na segunda parte da súa charla falou de retos e oportunidades; da necesidade dun plan de desenvolvemento comarcal; do apoio ás empresas e á actividade económica. Achegounos a modo de exemplo a experiencia de CER FRANCE (unha rede asociativa na Bretaña francesa). Pero tamén saíron outras moitas temáticas: ordenación do territorio, a propiedade, as necesidades de mellora dos servizos, compensacións medioambientais...
No diálogo posterior entre os participantes houbo visións ben encontradas: desde as queixas por unha administración que está a multar ata o que reclama que ten que facer ese papel porque non hai sensibilidade co medio; tamén a petición-esixencia do funcionario ó pé da comarca (como antes os axentes de extensión aggraria); da formación para non crear marxinalidade; de que fronte á inmigración a nosa responsabilidade é a integración; da necesidade da mobilización da terrra... En fin, un luxo contar con sesións deste nivel. Moitas grazas a todos os participantes.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias