Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 19/02/2023 | Boicuidados: compra casa

Biocoidados: facendo urxente o esencial

Respondendo á necesidade de ser escoitadas, atendidas e apoiadas

19/02/2023 | A Limia

Un ano e catro meses foron necesarios para facer esta pregunta: se puideses escoller unha imaxe que simbolice "o teu sentimento de fogar" que imaxe elixirías? ... Tardou en responder e, despois dun pouquiño, dixo: entrei na habitación e deume a sensación de fogar! Entrei e estaba quentiña... canto sufrín, e agora, xa chegou o día que sempre desexei, ter a miña casa.
Cando unha persoa está "soa e en terra de ninguén", necesita ser escoitada, atendida e apoiada para canalizar o seu desexo vital de "ser e estar". O proxecto Biocoidados agasállanos tempo de dedicación para escoitar, "pensar con", apoiar e "cultivar a terra" que leva moito tempo en barbeito.
O día 8 de febreiro do 2023, dende o CDR O Viso e o CIM do Concello de Xinzo acompañamos a S.S.B.(unha participante do Proxecto Biocoidados) para formalizar a compra dunha vivenda digna.
Todo o equipo do CDR O Viso estamos a dar soporte e apoio para facer a mudanza, para acompañar no proceso de adaptación a súa nova vivenda e no inicio de novos obxectivos para o crecemento persoal de S.S.B.
Este mes foi o resultado dun traballo de Atención Integral Centrada na Persoa, neste caso, dunha de tantas persoas que atendemos, apoiamos e escoitamos no noso día a día.
Esta historia, que agora contamos, é o resultado da implicación real da comunidade en todas as súas formas, os Servizos Sociais do Concello de Xinzo, o Centro de Saúde, a Asociación de persoas Diabéticas de Xinzo de Limia, Limisi, Cogami, compañeiras do curso de alfabetización dixital...  Biocoidados trata de unir lazos que xa existen.
#Biocoidados é un proxecto piloto de COCEDER e 18 centros de desenvolvemento rural, vinculado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Secretaría do Estado de Dereitos Sociais do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, financiado pola Unión Europea cos fondos Next Generation que pretende impulsar novos modelos de coidado prestados pola comunidade.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias